Existen diversas versións sobre o 8 de marzo. A máis coñecida é a dun incendio ocorrido nunha fábrica téxtil en Nova Iorque, onde terían morto queimadas as obreiras que facían unha folga. Foi no 1910 cando se realizou a Segunda Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas onde se propuxo estabelecer un Día Internacional da Muller, por iniciativa de Clara Zetkin, unha das figuras máis destacadas no movemento socialista e feminista internacional.
O 8 de marzo de 1917 as mulleres de San Petersburgo realizaron unha marcha na que reclamaban pan e o regreso dos combatentes da Primeira Guerra Mundial. Á marcha uníronselles obreiros e estudantes. A partir de entón, o 8 de marzo quedou fixado como o Día Internacional da Muller Comunista en todos os países da órbita socialista. No resto do mundo, os partidos comunistas foron os que promoveron a instauración desta data.
Este é un día máis de loita no que reafirmamos o noso repudio a este sistema responsábel da crise económica que as mulleres afrontamos desde a vulnerabilidade na que a precariedade laboral, salarial e social nos sitúa.
Porque tamén a crise fai distinción entre homes e mulleres, sendo as mulleres as que nos temos que enfrontar ás maiores taxas de paro, a uns empregos de peor calidade e maior temporalidade, a uns salarios máis baixos, en sectores menos valorados, con maior dificultade para acceder ao emprego e para crecer na nosa vida laboral; e, ademais, somos as que asumimos en maior medida a carga de traballo no fogar, estando –no mellor dos casos- sometidas a un sistema de conciliación familiar que no lugar de quitarnos cargas de traballo o que fai é buscarnos tempo para seguir a acumulalas.
As mulleres queremos construír dende o feminismo unha alternativa a este sistema para poñelo ao servizo das persoas e non dos mercados. Defendendo os dereitos hoxe en retroceso, desde a rebeldía e co compromiso de continuar o camiño que no seu dia iniciaron as nosas predecesoras revolucionarias. Por iso desde Isca! seguiremos fortalecendo a mobilización social e o protagonismo que as mulleres deben ter na construción dun país igualitario, xusto e solidario, libre de dominacións e exclusións.
Contra a precariedade á que nos somete o sistema capitalista e o Estado Español, celebremos todas esas mulleres que hoxe en día continúan a loitar pola igualdade, pola xustiza social e polo orgullo de ser mulleres, galegas e traballadoras.
Avante a loita feminista!
.