Máis un ano, chega o Día do Internacionalismo Proletario, chega o 1º de maio. Hai un ano alertabamos que Galiza é cada día que pasa moito máis pobre e vella. Ao desemprego, especialmente elevado entre a poboación máis nova, súmase un premeditado e constante ataque aos nosos dereitos laborais, que precarizan o emprego e limitan as axudas sociais.
A emigración fai que miles de mozas abandonen o país anualmente desde o comezo da crise do sistema, unha emigración con risco de permanencia; é dicir, moita dela ten poucas posibilidades de volver. A que decide ficar atópase unha realidade cada día máis empobrecida e con menos posibilidades de futuro.
Somos nós as que creamos a riqueza e as que movemos o mundo coas nosas propias mans. Somos nós, a clase obreira, as expulsadas e as precarizadas. Ás que nos obrigan a pagar unha débeda ilexítima que nos afoga. As que vendemos a nosa forza de traballo por salarios cada día máis miserentos. As que carecemos de poder para xerir os nosos recursos e decidir o noso propio futuro.
Por isto, desde Isca! queremos chamar á mobilización do conxunto da sociedade, e en particular da mocidade galega, contra o roubo e o saqueo. Por un modelo social xusto e equitativo; pola organización dunha resposta contundente contra os abusos da troika e a patronal; polo mantemento dos postos de traballo; contra a precariedade laboral e sobre todo por un futuro digno e na terra para a mocidade galega. Un futuro que debe pasar pola independencia e a plena soberanía como vía para sermos nós, como clase e como pobo, quen arbitremos o noso destino e construamos un sistema alternativo ao servizo das clases populares, o socialismo.
1º de Maio!
Se a clase obreira todo o produce, a ela todo pertence!