Rebater nº53 – Defender o idioma como sexa.

Máis información:

Un ano máis vémonos nas rúas de Compostela manifestándonos en favor da lingua galega, plantándolle cara á estratexia lingüícida do Partido Popular e amosando a nosa máis sentida dignidade en forma de berro colectivo. Vivimos un contexto político de forte españolización da sociedade galega no que se torna máis necesario que nunca contribuírmos a fortalecer a loita pola dignificación do noso idioma propio e o fortalecemento das iniciativas populares que traballan pola recuperación, conservación e empuxe da nosa identidade cultural desde a base. O aparato propagandístico, a globalización tende a fomentar modelos esteorotipados e importados de culturas alicerzadas no sistema capitalista; difuminando a diferenza e a idiosincrasia das expresións culturais minoritarias.

Perante este feito, Isca! considera que é esencial promovermos expresións culturais de noso, traballar pola recuperación e prestixio da lingua galega e da posta en valor dos nosos símbolos nacionais. Temos que rachar ese dinámica desgaleguizadora, vencendo no combate normalizador e demostrando á mocidade e ao conxunto do país que a nosa lingua, alén de ser a nosa, é digna, extensa e útil. Contamos cun sistema lingüístico luso-brasileiro que nos permite comunicarnos nun espazo de máis de 200 millóns de persoas nos cinco continentes. Un combate pola normalización que ten por forza que ser diario, constante e orientado cara a consecución do monolingüísmo social na lingua propia. É necesario, pois, contrarrestar a súa ofensiva cun intenso labor na dirección contraria, denunciando o falso discurso da imposición e defendendo o galego como lingua de comunicación en todos os ámbitos da vida.

Animámonos a nós mesmas, e a todas as que compartan o que aquí defendemos, a contribuírmos a espallar e multiplicar as iniciativas que traballen pola defensa e a normalización da nosa lingua. Porque como mozos e mozas revolucionarias temos a convicción e o deber de defender a lingua como sexa: con raiba, con furor, a metrallazos!