Rebater nº58 - coa loita da mocidade, Galiza independente futuro socialista!

Máis información:

Paro, precariedade, emigración… son as situacións que atravesa a mocidade no 2016 na nosa Patria. Situacións impostas polo modelo colonial do estado español e polo sistema económico capitalista na súa etapa de neoliberalismo salvaxe, que ven na mocidade a man de obra barata a explotar para sustentar o seu sistema. Un sistema que pasa desde hai anos por unha profunda crise, que non vén dada por algúns excesos nos mercados financeiros ou a mala xestión dalgúns políticos públicos. As crises e as guerras son plenamente consustanciais ao capitalismo, e serviron desde sempre para unha reestruturación do sistema e comezar así de novo o ciclo de aculumación.

Para rachar con esta situación non queda outro camiño que romper con España, sometida ás ordes económicas da UE e os EUA, dentro da cal a transformación social que proporcione dignidade a clase traballadora é inviábel. Sen capacidade para decidir, sen soberanía, non se pode construír unha outra política económica orientada ás melloras das condicións de vida do pobo. Non podemos crear unha alternativa real sen posuír estruturas de decisión no noso país.

Por soberanía entendemos a independencia como única vía para a construción do socialismo, deixando atrás o modelo capitalista no que a opresión é cada vez maior mentres que os dereitos sociais e laborais son cada vez menos. Só coa saída do actual sistema económico poderemos deixar de ser a simple mercadoría coa que aumentan a súa riqueza os grandes capitalistas a costa de lucrarse do pobo traballador.

Por está razón temos claro que sen autodeterminación non hai socialismo, temos claro que o noso horizonte estratéxico é o estado galego, un estado que nos permitirá construír unha sociedade socialista e feminista.

Mais como dixo o Che Guevara, “Se non existe organización, as ideas, despois dun primeiro impulso, van perdendo eficacia”. Cremos que a organización da mocidade é imprescindíbel, tanto para gañar ás difíciles loitas que afrontamos a cotío dentro do sistema capitalista, como para acabar de destruílo a longo prazo.

Fronte o corrupto estado monárquico español, herdeiro do máis cruel fascismo, arelamos unha república que garanta o pobo un futuro digno, que permita o progreso da mocidade traballadora. Pero para conseguila temos que organizarnos en todos os ámbitos: político, sindical, estudantil, feminista, ecoloxista… levando o noso discurso a todas aquelas que son explotadas día tras día por este sistema e precisan dunha alternativa para construír as súas vidas.

Debemos superar o apoliticismo e individualismo da xuventude, pois só organizadas, só coa loita da mocidade, poderemos rematar coa nosa opresión para conseguir un futuro de noso.