Son diversas as versións sobre a orixe da celebración do 8 de marzo, mais todas teñen algo en común: no comezo do século XX, mulleres traballadoras toman conciencia da súa condición e rebélanse. Na Segunda Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas establécese o Día Internacional da Muller, que a partir dese momento celebrará a esquerda internacional. Non será até 1975 que os organismos europeos marquen a data no almanaque.
Co paso do tempo, os poderes do sistema encargáronse de eliminar a reivindicación de clase nesta data e convertela nunha homenaxe case folclórica ás mulleres.
Son moitas as institucións e os medios que celebran o día da muller reproducindo conductas patriarcais e esquecendo as reivindicacións que orixinaron o sinalamento da data.
É necesario poñer en valor o significado orixinario da data nestes tempos nos que a alianza entre patriarcado e capital exprímenos inmesurabelmente.
As mulleres enfrontámonos ás maiores taxas de paro, a uns empregos de peor calidade e maior temporalidade, a uns salarios máis baixos nos sectores menos valorados, á maior dificultade para acceder ao emprego e para crecer na nosa vida laboral; e, ademais, somos as que asumimos en maior medida a carga de traballo doméstica ou os coidados, nun sistema de conciliación familiar que no lugar de quitarnos cargas de traballo o que fai é buscarnos tempo para seguir a acumulalas.
Temos de enfrontarnos á precariedade laboral, salarial e social cinguíndonos ás esixencias dun sistema que nos infravalora e nos mina a propia autoestima; que nos impón uns cánones de beleza e nos esixe ser obxectos sexuais ou nais adicadas, felices sempre ao servizo dos demáis. Un sistema para o que os nosos corpos son mercadoría, para consumo sexual ou para subrogar a maternidade.
O patriarcado e o capital están detrás de cada feminicidio. Están detrás da pobreza á que moitas nos vemos abocadas. Exercen unha violencia cotiá e en moitos casos invisible que soportamos sobre os nosos ombreiros.
As mulleres queremos rachar con eso. Dende isca! avogamos pola construción dun novo sistema ao servizo do pobo e non dos mercados; en base á igualdade e aos dereitos, xusto e solidario, libre de dominacións e exclusións. Seguindo o exemplo das predecesoras, celebremos todas esas mulleres que hoxe en día continúan a loitar pola igualdade, pola xustiza social e polo orgullo de ser mulleres, galegas e traballadoras.
Avante a loita feminista!