Diciamos uns días antes da celebración do Referendo de Autodeterminación en Catalunya que o Estado Español mostraba a súa verdadeira faciana, a do autoritarismo e a represión. Neste intre esa afirmación está aínda máis contrastada, logo das actuacións policiais contra a vontade popular e o lexítimo dereito a decidir.
Non son xa as ameazas de detención e inhabilitación, non son xa as imputacións a alcaldes e cargos públicos, non son xa as provocacións e bravuconadas dun nacionalismo español reaccionario e franquista. Son as centos de persoas feridas, a represión brutal e indiscriminada do estado contra quen quere decidir o seu futuro. É o peche de colexios electorais, o secuestro das urnas e a violencia de todos os aparellos dun estado totalitario e represor.
Neste intre histórico, alén de transmitir toda a nosa solidariedade internacionalista, toda a nosa forza, todo o noso cariño, todo o noso apoio ao pobo catalán, debemos facer unha reflexión e unha chamada tamén ao noso pobo. En especial á mocidade galega.
Confiamos na imparábel revolta de quen decidiu ser libre, organizarse e vencer. Nin o réxime no seu conxunto; nin a policía, os tribunais, o Rei ou o goberno poden poñer portas ás lexítimas aspiracións de liberdade e democracia real.
Porque derrubar o réxime español de 1978, ese que preserva o último desexo do ditador Franco e que os seus sucesores (os reis Borbóns) se afanan en aplicar, pasa pola destrución da unidade do Estado Español. Pasa por acadar e exercer a nosa soberanía a través dun Estado Galego independente e republicano. Pasa por rachar coa dominación oligárquica e as institucións imperialistas como a UE ou a OTAN.
Porque a loita do pobo catalán abre o camiño para todos os pobos no estado. Porque a mocidade é peza fundamental, imprescindíbel nesa nova república.
Por elas e por nós!