Marzo, do latín Martius era o mes dedicado ao deus romano da Guerra. Hoxe queremos facer memoria dalgunhas das batallas libradas polo Proletariado .
En 1910 foi aprobado que o día 8 de marzo pasara a ser o Día da Muller Traballadora por proposta de Clara Zetkin.
Sete anos despois, as mulleres rusas encabezadas polas operarias do textil de S. Petersburgo amotináronse ese día ante a falta de alimentos, Alexandra Kollontai dixo que “Nese día a muller rusa levantou a bandeira da revolución proletaria (…). A revolución de febreiro acabara de comezar”.
Na Galiza os días 8 e 9 de marzo de 1918 comezaba a Revolta das Pedradas, tamén encabezada polas mulleres do téxtil dos concellos de Narón e Neda , na comarca de Ferrolterra; unha revolta que mobilizaría a toda a Comarca e que este ano lembramos no seu centenario.
En marzo de 1972 as mulleres tamén tiveron un papel vital en Ferrolterra, nuns sucesos que comezaron tras a asemblea do 8 de Marzo para esixir un Convenio Provincial(Galego) para Bazán; en contra do convenio firmado a nivel Interprovincial(Español) coa colaboración do Sindicato Vertical franquista(sindicato proréxime, pactista).
As protestas de 1917 en Rusia e 1918 e 1972 na Galiza tiveron a mesma reacción por parte do Capital, a represión protagonizada polos Corpos de Seguridade do Estado. Tamén foi en marzo de 1976 cando a policía franquista masacraba ás obreiras en Gasteiz (Euskal Herria) seguindo as ordes de Manuel Fraga.
No 2018 a represión e a violencia de estado
continúan a ser unha realidade e témoslles que facer fronte mediante a
solidariedade e organización. Neste novo século a loita de clases é máis
necesaria ca nunca para que as obreiras poidamos vivir cun mínimo de dignidade.
Hoxe as mozas, como parte da clase obreira, saímos a rúa. Berramos co puño pechado e sen esquecernos das que foron e son: asasinadas, encarceladas ou multadas por loitar por un mundo máis xusto.
Compañeiras, a loita continúa!
Viva a Clase Obreira Galega!