A aparición de plataformas como “Galicia Bilingüe” ten que levarnos, máis aló da lóxica indignación, a indagar as razóns das suas orixes, discurso e expansión, para así mellor combatelas.
Estas plataformas, de aparición recorrente, teñen gañado un espazo que até o de agora non posuían. Porque agora? Achamos que varios son os factores combinados. En primeiro lugar, é inegábel o mimetismo destas con outras plataformas e discursos que proveñen das outras nacións inseridas no Estado español, especialmente a catalá: é o discurso do vitimismo e da suposta “perseguición” aos falantes de español “en comunidades españolas”. É dicer, estas plataformas son a ponta de lanza do españolismo, e así este apoia claramente estas plataformas (PP) ou faino de forma mais subrepticia, dependendo dos tempos e lugares (PSOE). Ademais o seu discurso é o dominante hoxe na direita, é dicer, de corte neoliberal: un pseudo-darwinismo social que xustifica a extinción de linguas en base a un pretenso “mercado libre lingüístico” onde os febles desaparecen, igual que o suposto laissez-faire económico capitalista condena as maiorías á pobreza. Así pretenden obviar as forzas políticas que interveñen nos procesos económicos ou sociais, esquecendo que a suposta escolla de lingua no ensino (tal como na sociedade en xeral) non é un dereito individual senon unha decisión colectiva a exercer através de modelos lingüísticos conformados na esfera política. Ainda que despois recorran a esa argumentación, sen nunca mencionala, iso si, para soster a imposición do español porque “estamos en España”.
Así, é lóxico que este discurso se reactive nun momento en que por vez primeira en moitos anos existe un goberno en teoría mais favorábel á lingua, e que as cativas medidas legais adoptadas sexan atacadas furibundamente. Como paradigma, ese novo Decreto 124/2007 do galego no ensino, medida de mínimos e ainda así nen sequer aplicada na sua integridade, que é o albo destacado das suas “denuncias”.
Mais non podemos esquecer que existen sectores sociais galegos que defenden ou acreditan neste discurso, sectores en xeral burgueses ou de clase media, urbanos, e politicamente de direitas, de orixe franquista maioritariamente, ainda que non só: tamén no xacobinismo e populismo de pseudoesquerda. Este discurso permea a toda a sociedade, máxime cando estes sectores teñen un grande poder na sociedade galega: o papel nada irrelevante dos medios de comunicación magnificando estas plataformas dan boa conta disto.
De feito, a ampliación destes sectores ven demostrar a dramática situación en que está a lingua, e paradoxalmente as suas falsidades: o galego non é xa a lingua maioritaria da mocidade, nen tampouco das cidades, e concretamente na mocidade urbana está praticamente extinto; nas vilas e o rural tamén mingua. Ademais a “sociedade civil” segue, en coerencia coas mínimas mudanzas políticas e de elites desde o franquismo, esmagadoramente en español, invisibilizando o galego que existe e asimilándoo: cinema, tv’s, prensa, comercio, publicidade… Por outro lado as institucións: a Xunta, entre a incompetencia, a impotencia e a falla de vontade: sanidade, educación, servizos sociais, só parcialmente e mal galeguizados; o Estado, exercendo de español: todos os seus recursos, especialmente sangrante no caso da xustiza, en español. Esta lista xa coñecida abonda para termos claro a ficción dos seus argumentos de “imposición do galego”, e a onde imos de seguir nesta liña ou implementarense as medidas defendidas por GB: ao exterminio planificado da lingua, a maior ou menor velocidade.
O que facer perante estes grupos? Primeiro, rebater os seus argumentos coa realidade: temos inúmeros exemplos. Segundo, desenmascar os seus intereses políticos. Desde Isca! consideramos que non debemos ignorar estes grupos, “aguardando a que escampe”, mais ainda cando adoptan as formas de participación da esquerda, copiadas agora polos “neocon”: cumpre non retrairse e ceder, xa que ignorar a realidade non a muda, e o único que fai é consolidar as suas posicións: como mocidade nacionalista vemolo na rua, no contacto diario, e mesmo nos resultados eleitorais urbanos dos últimos anos da Fronte á que pertencemos. E o que facer na sociedade? Cumpre presión social na rúa, e denuncias e reivindicacións en todas as frontes: empresas que vulneran direitos, organismos privados que ignoran a lei, centros educativos que violen o Decreto, responsábeis políticos…etc; alén das obvias demandas de a Xunta mudar a sua desastrosa política lingüística.
Desde Isca! sabemos que o monolingüismo social e a normalidade só estará asegurada nunha Galiza soberana, mais sabemos tamén que só chegaremos a ela se hoxe comezamos a acumular forzas con ese obxectivo: a Galiza independente e con monolingüismo social que procuramos comeza agora!