Priorizarmos o traballo formativo é para nós unha necesidade para ser capaces de intervirmos socialmente e transformar a realidade que nos tocou vivir. Acreditamos na (auto)formación como unha das ferramentas precisas para loitarmos contra o sistema de vida que nos impón o capitalismo, mellorando a nosa capacidade de acción política e militante.
Galiza é unha nación dependente e empobrecida no económico, no político e no cultural, sen soberanía nin poder de decisión e sometida a políticas españolizadoras e centralistas que teñen como fin a nosa destrución como pobo e que abranguen todo o que nos rodea, desde o modelo e os contidos do ensino até a prohibición de vivir dos nosos sectores produtivos. Entendemos a soberanía e a independencia como a vía de saída do capitalismo e o único camiño para a construción dunha alternativa sistémica diferente, deixando atrás opresións de todo tipo, onde os dereitos sociais estean garantidos e non poidan ser mercadoría das que unha minoría extraia lucro.
De todo isto e de moitas cousas máis falaremos o 11 de Xullo en Redondela, no Bar Disco Tasca (Rúa Pai Crespo, 17) a partir das 20:30 horas co xornalista e profesor Xosé Emilio Vicente. Ao remate teremos un bocado de balde e pinchada de música galega.
Non faltes!