Vimos de coñecer o resultado das eleccións celebradas no noso país. A segunda posición do BNG reflicte o esforzo de todas as militantes por artellarmos un proxecto en defensa do país e da clase traballadora. Temos claro que é a liña a seguir para seguir avanzando no ámbito institucional.
É, sen embargo, un resultado malo, no que se lle outorga a Feijóo a posibilidade de seguir exercendo de sipaio de Madrid, gobernando Galiza dende o españolismo e para o capital.
Non obstante, somos conscientes de que esta non é unha derrota total. Ben sabemos que as institucións son só un dos campos de loita, non o único e nin sequera o máis importante, nos que debemos brigar.
É preciso lembrarmos, sobre todo nestes momentos, que as grandes mudanzas sociais, os cambios revolucionarios, se conseguen coa loita en todos os ámbitos da sociedade. É por iso que, malia o adverso do resultado electoral, convidamos a todas as persoas que tiñan a esperanza dun cambio a non desanimarse, a organizárense e a axudar a combater a Feijóo dende todos os eidos. Como levamos facendo dende sempre, frearemos as políticas españolistas e neoliberais nos centros de estudo, nas rúas, nos centros de traballo e nos centros sociais.
A participación electoral e institucional non é senón a punta do iceberg dun conxunto de loitas que se fan día a día dende a militancia, non cada catro anos. O sindicalismo, a loita feminista, a defensa da terra, a participación barrial… Son os espazos que pertencen ó pobo, e dende eles loitamos o cambio que este país precisa.
Non podemos caer no desánimo ou na desesperación. Sabemos que o galego é un pobo combativo e que na organización está a chave da vitoria, hoxe máis precisa ca nunca. Ábrese unha etapa incerta, de crise económica, política e social. Na nosa man está que non a volvamos pagar as mesmas.
Diante dos recortes, dos ataques ó galego, dos estragos medioambientais, do peche de industrias e de todo aquilo que representa o goberno de Feijóo: terannos de fronte.