Nas últimas semanas asistimos á propagación dun virus a nível mundial, con focos certamente potentes nalgúns estados, que está a poñer en manifesto as carencias e lacras do sistema capitalista, nomeadamente en termos de política sanitaria e social. A continuación, nomearemos moi brevemente as características do coronavirus como introdución á posterior análise das políticas levadas a cabo polo estado español fronte a este fenómeno.
Para falarmos sobre o coronavirus, cómpre ter unha mínima noción do que é un virus. Un virus é un organismo ao que se lle discute até a súa propia condición de ser vivo, xa que para reproducirse, formando copias de si mesmo, precisa empregar a estrutura das células doutros organismos, isto é, non son capaces de reproducirse por si mesmos. Presentan unha cápside, que é a súa cuberta, xunto con material xenético, en forma de ADN ou ARN e nalgúns casos (coma neste coronavirus) unha bicapa lípidica (isto é, de graxa) formando unha envoltura externa.
No referente a este caso concreto presenta síntomas semellantes aos da gripe. Nos casos máis graves, pode causar unha pneumonía que nas persoas idosas ou con co-morbilidades) pode resultar mortal. Este virus transmítese a través de gotículas, expulsadas ao esbirrar ou tusir, como tamén pode sobrevivir nas superficies. Por todo isto é fundamental seguir as medidas hixiénicas recomendadas polos profesionais sanitarios; isto é, lavar ben as mans con auga e xabón, tusir ou esbirrar no cóbado, non saír da casa se non é totalmente necesario e coidar das persoas que pertencen a grupos de risco (persoas de avanzada idade, inmunodeprimidos etc). O obxectivo destas actuacións é “esmagar a curva”, isto é, como mínimo estabilizar o número de afectados, facendo que non aumenten exponencialmente e en pouco tempo. Hai que ter en conta que para o sistema sanitario non é o mesmo recibir 300 casos nun día que recibir 30 casos en 10 días, por exemplo, xa que eses 300 casos nun día implican unha maior mobilización de recursos sanitarios e en casos extremos, puidendo chegar a colapsar o sistema sanitario. E todo isto nun contexto de debilitamento da sanidade pública na Galiza e no Estado español por culpa das políticas privatizadoras ao servizo do grande capital, como falaremos máis adiante.
Está o capitalismo en condicións de darlle unha resposta axeitada fronte a unha crise sanitaria deste tipo? Claramente, a resposta é NON. No marco dunha sociedade capitalista, como o Estado español, onde quen manda é o grande capital, a prioridade son os beneficios desta minoría dominante, entrando en aberta contradición coas necesidades e o benestar da maioría da poboación. A propiedade privada dos medios de produción e, nomeadamente neste caso, a existencia dunha sanidade privada, con centros hospitalarios privados e seguros de saúde privados, son síntomas evidentes desta contradición.
Podemos comprobar como as preocupacións do goberno español así como as medidas que están enriba da mesa diante desta situación, tanto por parte do FMI así como polo “consenso” entre a patronal e os sindicatos españois maioritarios (UGT, CCOO), van na direción de intentar defender os lucros do capital a través da aplicación de políticas anti-obreiras, como axilizar os despedimentos ou baixar os impostos ás grandes empresas.
Este caos capitalista no referente á crise do coronavirus contrasta claramente coa planificación existente noutros países do mundo amosando a superioridade da planificación económica en función das necesidades sociais, mesmo a priori cun nivel de desenvolvemento bastante máis baixo que en Occidente. Falamos de exemplos como Cuba (onde, malia a non terse manifestado ningún caso de infección, organizouse un plan para facer fronte ao problema e produciuse un medicamento anti-viral bastante efectivo no territorio chinés) ou Vietnam (que foi o primeiro en controlar a epidemia e reducir o número de casos, sen ningunha morte). Mención especial merece a China que, sendo o epicentro mundial da infección a súa rexión de Wuhan, grazas ás súas medidas non só foi capaz de controlar e reducir o número de casos, senón que axuda a países europeos enviando toneladas de suministros médicos, exercendo como un auténtico referente mundial. Vén de decretarse en Venezuela, coa aparición dos primeiros casos, o Estado de alarma, o que tamén mostra a diferenza entre a reacción dos Estados capitalistas europeos máis preocupados en salvaren ó máximo as ganancias empresariais e aqueles cun goberno de conviccións socialistas, que buscan protexer, por riba doutras consideracións, a súa poboación.
O fracaso do capitalismo para facerlle fronte a unha crise sanitaria destas características, tamén se expresa no terreo ideolóxico e cultural. Vemos como nestes días se exacerban patróns como o curtopracismo e a ausencia total de planificación a longo prazo alén do individualismo, o egoísmo, o sensacionalismo mediático, o histerismo irracional, o darwinismo social, o sálvese quen puider, isto é, os patróns propios da ideoloxía dominante burguesa. É, por tanto, a sociedade capitalista quen empurra á xente a pensar só nela mesma, como as estudantes que voltan aos seus lugares de orixe porque estarán máis cómodas alá ou pola preocupación da familia, e sen un ápice de responsabilidade social, como a xente que, marchando das zonas máis infectadas cara outras porque alí non hai tanto perigo, sen se decataren que precisamente o perigo son elas. Non é só unha crise sanitaria, é unha crise dun modelo de sociedade no seu conxunto, é un capitalismo cada vez máis decadente e en descomposición.
Tamén cómpre advertir do escenario dunha brutal crise capitalista que podería abrirse. Unha crise que non podemos reducir só ao fenómeno do coronavirus, senón que é o resultado das dinámicas do propio modo de produción capitalista, concretamente da tendencia decrecente da taxa de lucro e do proceso acelerado de financeirización da economía, onde o capital inviste moito máis na esfera financeira e no desenvolvemento de capital ficticio que na esfera produtiva, sendo o capital produtivo quen ten que alimentar a burbulla financeira. En definitiva, unha crise que no marco do capitalismo só pode resolverse contra os intereses dos traballadores e os pobos dependentes como o noso, para ampliar o lucro da minoría capitalista, como de feito xa se está a anticipar con algunhas propostas que mencionamos antes, como a axilización dos despedimentos ou a baixada dos impostos ás grandes empresas. Dentro do capitalismo, o futuro para as explotadas é cada vez máis escuro. É por iso que fica ben claro que só existen dúas alternativas: socialismo ou barbarie
Por último, no marco da crise do coronavirus e sendo conscientes das limitacións do capitalismo para respostar a esta cuestión, entendemos que hai propostas elementares que as institucións públicas (nomeadamente o goberno autonómico galego) deberían adoptar, pola súa urxencia e necesidade:
-Expropiación e control público galego dos centros hospitalarios que agora mesmo están baixo titularidade privada.
-Peche da Galiza e defensa do peche de Madrid.
-Moratoria no pagamento de hipotecas ou alugueres.
-Prohibición dos despedimentos con excusa desta crise.
-Permisos retribuídos coa totalidade do salario para os traballadores en risco de contaxio e para aqueles que non poidan desenvolver a súa actividade laboral.