Represión contra o movemento independentista

O pasado 19 de xullo diferentes organizacións e colectivos nacionalistas da cidade de Ourense saímos ás rúas para celebrar o día da Patria. Fixémolo, como xa vén sendo habitual nestes últimos anos, cun pasarrúas co que percorrimos o casco vello da cidade con música e bandeiras para celebrar de xeito festivo o día da nosa Patria e reivindicar o dereito á independencia que nos corresponde como nación.

O acto realizouse con total normalidade e de xeito pacífico tanto por parte das participantes como por parte da xente que se atopaba nas rúas durante o mesmo, sen que fose necesario cortar o tránsito en ningún momento. Cabe resaltar que axentes da policia seguiron o desenvolvemento do acto, e non interviron durante ningún instante do percorrido para informar de estarse a infrinxir norma ou lei ningunha nin para identificar a ningunha das persoas participantes. Porén, desde mediados do mes de agosto, a Subdelegación do Goberno Español está a notificar sancións administrativas de 401€ a ducias de participantes, o que demostra a existencia de listas negras e arquivos de activistas fichadas unicamente pola súa afiliación política e ideolóxica.

Dende Isca! denunciamos a gravidade das sancións, desproporcionadas e inxustas tanto pola cuantía destas como polo acontecido. Consideramos este un claro caso de criminalización do independentismo e discriminación ideolóxica que se encadra nas políticas máis reaccionarias do españolismo e do Partido Popular, quen pretenden recortar os nosos dereitos á libre expresión e manifestación ata facelos desaparecer. Malia todo, seguiremos denunciando este tipo de políticas discriminatorias coa esquerda revolucionaria e especialmente co independentismo. A súa represión non conseguirá calarnos nin redimirnos, pois seguiremos a loitar até conquerir os dereitos nos que cremos e que nos corresponden como galegas.

Independencia!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario