Isca! lamenta e rexeita as prohibicións impostas pola extrema dereita española representada polo Partido Popular á realización de actos políticos que organizacións da esquerda independentista galega tiñan programados na capital do noso País o vindeiro Día da Patria en Compostela. A denegación dos permisos supón un retroceso cualitativo nos dereitos colectivos e un novo ataque ás liberdades que ten como obxectivo silenciar e criminalizar a parte do movemento político independentista galego.
Ante isto amosamos o noso apoio ás organizacións afectadas e reclamamos a Conde Roa e, por extensión ao Partido Popular, que permitan a realización dos actos prohibidos xa que non hai razóns obxectivas para o seu impedimento, actos que se veñen celebrando nos últimos anos con total normalidade, contradicindo a quen sostén que todas as forzas políticas actúan do mesmo xeito desde as institucións.
Achegamos tamén unha ligazón ao rexeitamento do BNG da localidade de Compostela ás proibicións de Conde Roa.