As xornadas do 24 e o 25 de xullo volveron estar marcadas pola actuación represiva das forzas de seguridade do Estado. Máis un ano, a capital galega estivo ocupada desde os días previos por centos de policías especializados en combater mobilizacións populares (erroneamente coñecidos como “antidisturbios”), que realizaron centos de rexistros, asediaron as mobilizacións e inspeccionaron a cidade desde un helicóptero.
Ademais, os axentes de choque tiveron ocasión de poñerse a proba de novo e empregar o “calor negro” -expresión festiva que os policías reservan para as súas propias cargas- contra militantes nacionalistas e independentistas, causando feridas e contusións. Aínda que o goberno español encobre estas agresións como medidas de seguridade, a súa motivación represiva e política é evidente, e está reafirmada desta vez pola propia simboloxía utilizada pola policía (con bufandas nas que se afirmaba “Esto es España y al que no le guste que se vaya”).
Desgrazadamente, a violencia policial non é unha excepción nin un episodio anecdótico. Trátase dunha intervención planificada e duradoira, á que se destinan grandes recursos económicos, xestionada sen apenas diferencias por PSOE ou PP, e que excede con moito a defensa do (inxusto) ordenamento xurídico vixente: alí onde hai unha mobilización popular, as forzas de seguridade encárganse de vixiar, ameazar ou punir, con intensidade variábel pero sempre ao servizo exclusivo dos poderosos. Sábeno estudantes, labregos, traballadores, militantes nacionalistas, ambientalistas, ou independentistas; nos últimos meses comprobámolo nos sucesos do 8-F, na folga do metal, na loita do sector leiteiro, no conflito de Massó e agora de novo no Día da Patria.
Desde Isca! transmitimos o noso apoio a todas e todos os danados e reiteramos a nosa aposta pola denuncia constante, polo traballo de socialización e de información alternativa, e pola mobilización social para extender a repulsa a uns corpos que non realizaron transición democrática ningunha, e que son maioritariamente rexeitados pola mocidade galega. Porque nin isto é España, nin a nós non deixan decidir se queremos marchar deste Estado que nos nega.