Stop ás agresións policiais ao estudantado

37538.jpgO pasado 19 de Novembro por volta de 200 estudantes saían ás rúas de Lugo convocados polos Comités nunha manifestación autorizada que remataba ás portas da Subdelegación do Goberno Español cunha brutal carga policial que deixaba cinco persoas con parte de lesións e numerosas identicacións indiscriminadas. É a resposta do goberno español perante a agudización de conflitos estudantís e de clase, que no início da crise xa se saldan con dúcias de casos de represión sistematizada, xa en folgas como da limpeza ou en manifestacións lexítimas do estudantado que son atacadas virulentamente polo sistema.

Desta volta, a mobilización remataba ás portas da Subdelegación de Lugo cun simbólico encadeamento na entrada do predio que provocaba a violenta e inxustificada agresión de varios policias á paisana. Os axentes non dubidaron en utilizar porras extensíbeis ilegais para mallar nos rapaces pesia o aviso de que o encadeamento ía finalizar en canto se procedese á leitura dun manifesto. As agresións foron extremadamente violentas e mesmo chegaron a alcanzar un cámara que naquela altura estaba gravando imaxes do que remataría nun exercicio de brutalidade extrema protagonizada por axentes que exercían o seu rol de matóns ao mais puro estilo fascista co obxecto de amedrentar aos rapaces e rapazas que acudiran á convocatoria. Mesmo chegaron a levar a comisaría a un menor de 16 anos que participaba nas mobilizacións, pertencente à organización estudantil Agir.

Pesia todo o anterior, a policía non dubidou un instante en sacar publicamente unha nota onde denuncia “desordes públicas” e “agresións” por parte dos estudantes nun exercicio de cinismo que raiaría na estultícia se non é porque ameazan ao xeito mafioso con denúncias e sancións.

Obviamente as actuacións da policía son resultado das ordes directas do Goberno Español representado por comisionados sen a mais mínima formación intelectual nen humana mais en troques cunha grande habilidade para tecer unha tea de araña que contempla identificacións, seguimentos, espionaxe electrónica, multas cuantiosas e finalmente a violencia sen concesións e mesmo a tortura en dependencias policiais. Todo isto, amparado por auténticos especialistas na táctica da represión sistematizada e dignos aprendices das teorías goebbelsianas como o Sr. Ameijeiras (Delegado do Goberno Español na Galiza) ou o Sr. Jesús Otero (Subdelegado do Goberno Español en Lugo), responsábel este último da agresión violenta que estamos a denunciar, así como de tantos outros atropelos aos direitos humanos como a represión a migrantes que na cidade de Lugo venden as súas mercadorías a pé de rúa. Este pedigree é completado na cidade de Lugo por un alcalde (López Orozco, PSOE) de talante reaccionario, completando unha tríada deplorábel que sustenta actuacións para-terroristas das FSE.

O resultado está á vista: cada día aumentan os casos de violación sistemática dos direitos humanos no noso país, e cada vez maior número de organismos internacionais chaman a atención sobre a vulneración masiva que converte o estado español nun Guantánamo de proporcións colosais onde a polícia campa ás súas anchas apoiada por un poder político de corte reaccionario e a submisión do sistema xudicial é evidente. Un Estado onde se encadea “preventivamente” antes dos xuízos e logo dos cuais as penas son menores que a estancia no cárcere. Un estado onde se incomunica e se tortura. Un Estado que nega sistematicamente dereitos civís e colectivos básicos recollidos na Declaración Universal dos Direitos Humanos. Un Estado que retorna periodicamente a tácticas fascistas para eliminar de raíz aquelas posicións mais incómodas.

Por todo isto Isca! Quer expresar:

1) A denúncia publica dos responsábeis ultimos das actuacións da policía, o Delegado do Goberno do Reino no noso país, Manuel Ameijeiras e mais no subdelegado en Lugo Jesús Otero, esixindo a imediata depuración de responsabilidades que pasa pola fulminante demisión duns irresponsábeis que ameazan a integridade física de quen se expresa libremente e apoian a violencia indiscriminada contra marchas pacíficas.

2)A esixencia de actuacións concretas por parte da fiscalía competente para identificar e encausar os axentes responsábeis da violencia policial, así como a súa depuración. Non queremos que nengún desaprensivo que agrede menores de idade sexa reponsábel da suposta seguridade de ninguén.

3)A fin da estratexia de confrontación violenta que segue o PSOE na súa particular guerra contra as causas de traballadorxs e estudantes, a cal contempla identificacións, retencións, espionaxe, vexacións, multas, sancións, ilegalizacións e cargas contra marchas pacíficas.

4)A solidariedade cos e coas estudantes agredidas brutalmente , así como coa organización convocante da mobilización, os Comités, agardando que aqueles casos que puidesen revestir mais gravidade non teñan consecuencias duradeiras para os golpeados selvaxemente pola policía. Tamén co mozo de Agir detido durante a operación represiva, amosándolle a nosa solidaridade e apoio.

5)O chamamento a forzas políticas e sociais da esquerda a denunciar publicamente cantas veces sexa preciso a represión para concienciar ao pobo da vulneracións sistemáticas de dereitos e liberdades que nos está a conducir a un sistema neo-fascista camuflado de democracia representativa.

Neste sentido, e sabedores de que sectores concretos gostan de condenar a violencia, convidámolos a subscrever o seguinte modelo que seguramente se axustará adecuadamente ás necesidades que dicta a ocasión:

“(Completar co nome da organización) quer expresar a súa máis enérxica condena perante o último atentado dos violentos e manifestar a súa firme convicción de que a violencia é unha mostra de barbarie irracional que repugna a conciencia de todas as persoas de ben.

(nome da organización) quer trasladar a súa solidariedade ás vítimas da violencia, que felizmente non se cobrou nengunha vida, e desexa tamén expresar que o futuro non pode estar condicionado polo exercício indiscriminado desta.

(nome da organización) fai, máis unha vez, un chamamento á unidade dos e das demócratas contra a ameaza do terror, nun acordo que non exclúa nengunha forza política.”

Porque, como escrebera Alba Rico , a condena de só unha das violencias e a exculpación de todas as demais, das bandas armadas mais terroríficas e crueis, entre as que podemos incluir o Exército e as FSE levarános sempre a concluir que sí, seremos uns demócratas, mais na realidade o que somos é uns auténticos cabróns.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario