Stop Represión en Euskal Herria

O Estado Español volveu asestar un golpe represivo contra a esquerda abertzale, ao deter a unha ducia de militantes por motivos políticos. De facto, a única acusación sustentada polo Estado, que manexa a xustiza ao seu antollo, e en particular a Audiencia Nacional, é a sospeita de que as persoas detidas estarían a articular unha organización que presuntamente podería ser ilegal no futuro. Máis unha vez, optan por unha vía morta e inxustificábel, que afasta a resolución do verdadeiro conflito de fondo: a ausencia de soberanía das nacións integradas á forza no Estado, e as graves carencias democráticas do marco xurídico-político emanado da reforma do franquismo e a Constitución do 78.

Desta volta, a agresión implicou tamén a invasión do sindicato LAB e mesmo ameazas veladas dunha posíbel ilegalización deste sindicato, do mesmo xeito que ducias de organizacións políticas e sociais en Euskal Herria, sob a infame consigna do “Todo é ETA”, e coa aparente convicción de que a represión pode chegar a adobregar as arelas de liberdade dun pobo. Neste contexto, o goberno, que xa anunciara hai tempo que respondería con policía, tribunais e cárcere á calquera iniciativa política, volve cantar vitoria, pero é doado lembrar que o “derradeiro golpe” á esquerda abertzale foi sempre o que antecedía á seguinte “poutada definitiva”.

Isca! reitera a súa oposición á base legal coa que o Estado lexitima estas actuacións, unha Lei de Partidos que representa unha ameaza constante ás condicións máis mínimas de democracia formal, e que xa abreu a porta a un ilexítimo goberno autonómico de coalición PSOE-PP contrario á vontade do pobo traballador basco.

Por último, manifestamos a nosa solidariedade internacionalista coa esquerda abertzale en xeral, e co sindicato LAB en particular, esiximos a inmediata derogación da Lei de Partidos e o inicio dun proceso de diálogo que resolva os nudos gordianos do conflito basco, a partir do exercicio democrático do dereito de autodeterminación e o respeito a todos os dereitos individuais e coletivos. Non se pode negar eternamente o direito de un povo a decidir o seu futuro, se este resiste.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario