O pasado 24 de xullo a cidade de Compostela, escenario da xornada de loita, festa e reivindicación do Día da Patria, foi protagonista dunha catástrofe ferroviaria sen precedentes. Desde as diferentes expresións do nacionalismo, en sinal de dó e solidariedade coas vítimas, suspendéronse todos os actos da xornada e do día seguinte e, resultado disto, a mobilización xuvenil foi o único acto político celebrado para reclamar a liberdade do noso pobo. As mozas e mozos organizadas en Isca! reiteramos novamente a nosa solidariedade coas persoas afectadas e a necesidade de esclarecer as circunstancias e responsabilidades da traxedia, mais consideramos necesario, malia ser o 25 de xullo máis triste da historia, poñer en valor e difundir o éxito da mobilización xuvenil.
O pasado 24 de xullo era, xa de partida, unha cita histórica para a mocidade independentista galega. Así, por primeira vez na historia, diversas organizacións políticas e estudantís do noso país, organizadas no ámbito do soberanismo, convocabamos unidas a saír á rúa sob o lema Mocidade galega erguendo o seu futuro: Independencia!
Malia as presións policiais, con unha cidade tomada e con ducias de mozas e mozos identificados ao longo da xornada, pasadas as 20:00h daba comezo a mobilización, encabezada por unha estreleira xigante e seguida da faixa de cabeceira, con representación de todas as organizacións convocantes. Detrás dela, máis de 800 mozas e mozos portaban numerosas bandeiras e diversa símboloxía patriótica e revolucionaria e berraban enérxicas ao longo de todo o percorrido consignas a prol da independencia da nosa nación, contra o sistema corrupto que nos domina, a favor da loita feminista e doutras reivindicacións das que a mocidade foi e será protagonista. Deste xeito, a enorme comitiva seguiu o percurso previsto até a praza do Toural, onde tivo lugar o acto político de encerramento. Nel, saudáronse ás organizacións internacionais que, desde outros pobos tamén oprimidos quixeron acompañarnos ou mandarnos o seu saúdo solidario desde a distancia. Ademais dunha intervención por cada organización convocante, deuse lectura ao manifesto unitario, que tamén se distribuíu masivamente durante a manifestación. Finalmente, as mozas e mozos presentes entoaron o himno galego para dar por pechado o acto.
Desde Isca! parabenizamos orgullosas a todas as organizacións coas que nos últimos meses estivemos a traballar conxuntamente para sacar adiante esta convocatoria sen precedentes. Agradecemos e parabenizamos a todas as persoas que ademais colaboraron na campaña de difusión previa nas comarcas do país así como a aqueles medios de contrainformación que se fixeron eco dela ou que nos acompañaron na tarde do 24 para deixar testemuña gráfica do acontecido nas rúas da capital do país.
Como prevíamos, esta mobilización unitaria pola que apostamos desde o primeiro momento tivo non só un efecto de suma, senón claramente multiplicador. Consideramos que a convocatoria e o seu desenvolvemento foron un éxito, mais que este éxito vai alén das siglas que convocamos e supoñen un paso adiante para todo o movemento popular soberanista e independentista de base, que constrúe día a día un camiño no que dar pasos adiante a prol da liberdade nacional e que está presente en todas aquelas loitas sociais que defenden o que é noso fronte ás agresións do capitalismo e do Estado español. Desde Isca! consideramos que cada un dos espazos de unidade de acción que se van creando na Galiza supoñen unha arma forte e necesaria para combater o estado de cousas e por iso valoramos como moi positiva esta iniciativa e avaliámola como un paso máis, non un fin en si mesma, e agardamos que a continúen moitas outras oportunidades de sumarmos esforzos para multiplicar a nosa loita pola independencia e a transformación social.
Por último, agradecemos de novo a presenza das compañeiras de Jaleo!!! (Andalucía), Ernai (Euskal Herria) e Yesca (Castela), que nos acompañaron na mobilización do 24 e tamén ao día seguinte neste malogrado Día da Patria.