Atopámonos nunha encrucillada. Ás portas dunha nova crise económica, da que xa había indicios antes do estoupido da pandemia, cando aínda non conseguiramos recuperarnos da anterior. Estivemos a presenciar unha situación do máis atípica e impensábel: semanas pechadas na casa, sen poder saír à rua, pasar tempo coas amigas ou ver a familia. Mais isto non é todo: vivimos na precariedade, na inseguridade extrema. Sufrimos ERTES, despedimentos, o desleixo das Universidades. A inestabilidade económica, a inseguridade nos estudos e vemos como uns trastornos de saúde mental que nos afectan especialmente como mocidade van empeorando.
Mais durante todo este tempo tamén tecemos redes de solidariedade. Moitas persoas decatáronse daquilo que levabamos tanto tempo a dicir: que a sanidade e a educación deben ser públicas, que as traballadoras máis precarias adoitan ser as máis esenciais, que o capital e a vida son incompatíbeis. Indignámonos con cada exceso policial, con cada nova rectificación do goberno aos designios do grande empresariado, con cada abuso do patrón cara as traballadoras. A nosa vulnerabilidade é a súa fonte de alimento.
Sabemos de certo que, como fixeron en 2008, intentarán aproveitar o shock da nova crise para aplicaren novos recortes ao público, novos ataques aos dereitos sociais e laborais, novas medidas que supoñan a precarización da nosa vida. Mais desta vez non vai coar. Non é a primeira vez que vivimos en primeira persoa aquelas medidas de austeridade e recortes que eran supostamente positivas para a economía e que só resultaron convenientes para os petos duns poucos. Desta vez non estamos dispostas a renunciar a unha vida digna polo ben dos seus negocios.
Precisamos unha saída diferente a esta nova crise, unha saída onde a vida e os coidados estean no centro.
Unha crise é un punto de inflexión. É un momento onde se exacerban as contradicións e hai unha oportunidade para o cambio, para ben ou para mal. Está na nosa man organizármonos en cada barrio, vila, centro de estudo ou de traballo e respostar a cada unha das agresións que planean. Ollemos ao noso redor e máis alá, desde a irresponsabilidade do goberno da Xunta até os escándalos e a violencia do Estado español e a Unión Europea aos que estamos atados, e que dirixen a nosa realidade cara á desgraza.
Por iso, cada vez que intenten recortar en sanidade e educación, terannos de fronte. Cada vez que pretendan pechar unha industria, terannos de fronte. Cada vez que saian os seus lacaios a manifestarse con rojigualdas, terannos de fronte. Non imos volver ser as que saian perdendo.
