Disponibilizamos para a consulta as Teses da nosa Asemblea Nacional Constituínte.
Galiza, clase, suxeito, nacionalismo e representatividade
A mocidade non é un sector estanco da sociedade. A mocidade galega é parte da sociedade galega e como tal sofre as consecuencias da dependencia colonial da nosa nación. A definición de mocidade ven dada en primeiro lugar pola idade, mais fundamentalmente polo grao de integración na estrutura social concreta, isto é, no mundo laboral, e nas relacións de tipo familiar. Estamos polo tanto perante unha parte da sociedade especialmente sensíbel aos procesos de cambio social xa que esta composta por persoas que están a iniciar a súa andaina cara a autonomía persoal, isto é, están a cabalo entre dúas realidades, entre dous tempos, a dependencia (familiar, educativa, etc) e a autonomía (vida laboral, emancipación familiar, etc..). Unha situación como a que o noso país esta a viver actualmente (cambio social, terciarización da súa economía através da destrución de sectores produtivos básicos, precarización do emprego, relacións complexas entre o mundo urbano e o rural, masificación da cultura de consumo…) converte a mocidade nunha parte extremamente vulnerábel da nosa sociedade. Entre outras cousas porque para as clases hexemónicas no actual sistema a mocidade coas súas particularidades supón un excelente “coello de indias” na súa ofensiva neoliberal. O fomento da “luita interxeracional” interesa aos sectores hexemónicos para dividir a clase traballadora (precarízase o emprego xuvenil, rebaixanse os salarios, temporalízase o emprego: a mocidade convértese en mao de obra máis barata) e os povos (introdúcense através da mocidade modas estranxeirizantes…). Neste sentido a “criminalización da xente moza” é máis un paso que favorece a hexemonía das clases dirixentes endóxenas e exóxenas.
O neoliberalismo é unha realidade na nosa nación. E non porque veña imposto desde instancias exteriores, como desde unha visión nacional interclasista se pode querer facer ver, senón porque conta no seo da nosa nación con sectores político-sociais que son a súa representación na nosa realidade concreta. Se ben a clase social hexemónica beneficiada pola política neoliberal no noso país ás veces actúa favorecendo intereses das faccións dominantes do capital máis do que os seus proprios (como, aliás, sucede tamén na escala internacional onde o proxecto neoliberal supón a primacía da facción financeira frente ao capital industrial e comercial), son actores claramente secundarios na dinámica xeral do sistema e non son plenamente autónomos (están subordinados ao capital español e trasnacional); non podemos dicer que o neoliberalismo non teña bases proprias na nosa nación, que ben podemos identificar co que foi a política do Partido Popular de “Galicia”: un neoliberalismo “galego”, acoplado a tácticas caudillistas e, ao menos eleitoralmente, hexemónico na nosa sociedade.
Este neoliberalismo conservador que representa o Partido Popular, non é por suposto o único. Unha corrente menos conservadora autodenominada “socialista”, unha vez producida a mutación da terceira vía no seo da social-democracía oficial (da que foi pioneiro o Partido Socialista Obrero Español), agora no governo da Xunta, desde logo non vai pór en perigo os avanzos que nestes anos de autonomía acadou a clase social hexemónica en Galiza. Avanzos produto da baixa nos salarios, da temporalidade do emprego, do aumento da xornada laboral… avanzos que redundan nun aumento do nível de vida do empresariado.
Desde os anos 60 operaron unha serie de cambios na estrutura social e económica nacional que fixeron que dunha economía e unha sociedade esencialmente agrarias pasásemos a unha terciarización da economía e a unha maioría de asalariados na populación ocupada. Este cambio operou dunha maneira destrutiva nos sectores estruturais anteriores, o agro e o sector industrial (reconversión…), se ben nos vai colocando “perto” de outras realidades europeas. As relacións salarias estendéronse á maioría da populación ocupada, por volta dun 75%, o que configura unha realidade social distinta á anterior en que o nível das famílias galegas depende maioritariamente da súa renda monetaria.
Os cambios sociais que tiveron lugar no noso país afectan tamén o nível educativo dos galegos e galegas (aceso á universidade), a incorporación das mulleres ao mercado de traballo (feminización do desemprego) e a extensión de determinados servizos a toda a populación. Este cambio veu axudado tamén pola relativa importancia dun sector público (funcionarial na administración, especialmente) xerador de rentas (tamén nas pensións). Se ben existiron unha serie de avanzos que afectaron o conxunto dos habitantes da Galiza, a relación conflitiva entre as clases así como o avazo neoliberal criaron tamén, e de cada vez máis, unha proletarización maior das clases traballadoras do noso país. En primeiro lugar porque a transformación estrutural non foi endóxena e foi destrutiva dos sectores produtivos básicos coa conseguinte perda de empregos e aumento da dependencia económica do país. En segundo lugar porque se ben as relacións salariais son maioritarias, estas son de carácter de cada vez máis precario (así o empresariado extrae maior gaño nunha economía dependente como a galega, sobre explotando a clase traballadora galega: salarios menores, maior temporalidade, longas xornadas laborais, mantemento dunha economía sumerxida…), xerando ademais altas cotas de desemprego (especialmente entre a xente moza e as mulleres). No caso galego, ademais, contamos cunha particularidade derivada da nosa dependencia colonial (da nosa situación como nación periférica dentro do sistema) que fai con que a sustitución da emigración polo desemprego non sexa total, xa que para unha parte da nosa sociedade (especialmente para a mocidade) a primeira é a única saida posíbel. Por último existe unha tendencia a facer desaparecer o pequeno comercio en benefício das grandes áreas comerciais de consumo. Do mesmo xeito, e ao desaparecer o peso que anteriormente tiña a produción agraria, configura unhas relacións complexas entre o mundo urbano e o rural (ainda maioritario no noso país).
Polo que se refere á lingua galega, depois de 25 anos de autonomía a súa situación é dramática. Ainda o é máis se analisamos o comportamento lingüístico da mocidade. O problema xa non se resolve simplesmente con medidas legais, que sen dúbida algunha son un avanzo, mais que de nada valen se se continuan a perder falantes. Na República de Irlanda o gaélico é a primeira língua legal mais os seus falantes son unha minoría. Se ben é certo que unha língua minorizada debe ser útil e necesaria para que poida sobreviver, no actual marco neoliberal as relacións coa administración non son as únicas que ten a cidadanía. A precariedade laboral, a sociedade de consumo que enche o país de produtos estranxeirizantes… favorecen o retroceso do galego. O cuestionamento do actual sistema vai acompañado da defensa da lingua e non se reduce a meros formalismos democráticos baseados en criterios de maiorías ou minorías xa que pode que nun futuro de seguirmos así os galegofalantes sexamos unha minoría. Neste sentido, no noso país sobreviven dous tipos de diglosia, unha que relaciona o galego co español, e outra interna, provocada pola situación colonial, que estigmatiza as variantes proprias do idioma, prestixiando como galego aquelas falas máis aproximadas ao español. Esta división entre o modelo oral estándar escollido e os falantes tradicionais incide na división de clases e refórzaa, marcando as falas populares como vulgares. Isto non só estratifica clasísticamente a nosa lingua, senón que colabora no proceso de substitución lingüística do galego polo español. Imponse a construción desde abaixo dunha alternativa lingüística que cuestione a hexemonía esmagadora do español na súa totalidade (música, industria editorial, ocio…) e que se acompañe do cuestionamento da orde económica neoliberal (oposición á precariedade, á agroindustria, ao concepto de propriedade intelectual…) e que teña en conta a estrutura de clases nacional e que redimensione as relacións mundo urbano-mundo rural, fundamentais para entender a nosa realidade particular.
Por todo o dito anteriormente emerxen pois uns suxeitos polítcos, que se ben non son novos, no noso país cobran unha especial importancia e forza a partir de agora para calquer tipo de organización política transformadora: os traballadores/as, as mulleres e a mocidade.
Nos últimos tempos estase a producir unha distancia cada vez maior entre as forzas políticas e a sociedade que estas din representar. Se ben esta distancia é normal que exista coas forzas políticas do sistema non o debería ser tanto no que se refere ás forzas de carácter transformador: progresistas e de esquerdas. Desde a esquerda tradicional téndese a identificar o dito de “todos os políticos son iguais” con posicións ideolóxicas que exclusivamente favorecen o avanzo da direita. Isto pode ser certo, mais o que realmente leva implícita esta sentenza é unha percepción que as clases populares extraeron tamén da experiencia histórica que lles tocou viver e que cada vez máis corre o risco de se transformar en realidade. Hoxe por hoxe na maioría dos “políticos profisionais” en activo existe unha tendencia á homologación do discurso (a existencia dun discurso político único en que semellan non existir diferenzas ideolóxicas de fundo) e, o que é ainda máis grave, á exercer unha prática moi semellante unha vez que se acada o control institucional. A tendencia xeral nos grupos situados en posicións teóricas progresistas e de esquerdas é a de se converteren en meros “xestores do existente”, burocratizando as súas organizacións políticas, verticalizando a dirección e conservando as relacións entre representantes e representados típicas das democracias formais. Ao reducir o direito de participación política do conxunto da cidadanía ao exercicio eleitoral interpartidario transfórmase o povo en espectador de si proprio, e efectivamente pode ser usado polo poder para guiar cara ao apoliticismo, co fin de excluir os sectores populares da participación política; os sectores populares fican cunha aceitación resignada ou con débeis e esporádicas manifestacións de resistencia.
O nacionalismo galego maioritario non é unha excepción xa na Europa. A ollos de cada vez máis sectores do povo galego o BNG é unha forza política tradicional máis no panorama partidario institucional galego. O carácter representativo das demandas das clases populares, de sectores da mocidade, etc está a deixar paso a unha liña política cada vez máis interclasista (ocultando a realidade da luita de clases na nosa nación) e que dilúe as súas reivindicacións máis claramente nacionalistas e populares en beneficio da mera xestión. Isto estase a producir nun momento especialmente grave en que amplos sectores populares descontentos coa situación actual non atopan as vías políticas que canalicen o mesmo. O nacionalismo actual corre o risco de deixar de representar a aqueles suxeitos que máis estan a sofrer a situación actual de dependencia nacional, que son tamén os máis dispostos a luitar por transformar o actual estado de cousas.
Neste sentido o nacionalismo hoxe representado polo BNG parece dirixirse especialmente ás capas medias da populación (vinculadas aos asalariados dependentes da administración: nomeadamente ensinantes e funcionarios), que son curiosamente as que estan a dirixir neste momento a Frente. Estas capas medias beneficiáronse relativamente do reparto da renda nos últimos 20 anos: non suportan os níveis de precariedade laboral ao que están suxeitos o resto dos asalariados, en muitos casos elevaron o seu nível de vida e atoparon un oco relativamente cómodo no actual marco.
A conformación actual do nacionalismo corre o risco, polo tanto, de deixar de ser representativa para aqueles sectores que fixeron posíbel o seu medre eleitoral.
Detras das análises extremamente pesimistas que a dirección da frente realiza após cada resultado eleitoral insatisfactorio (externalizando a crítica), agóchase un enorme pesimismo coas potencialidades que realmente o noso país ten (que o povo galego ten) e que posibilita estraños “compañeiros de cama”: alianzas estratéxicas entre “familias ideolóxicas” supostamente diverxentes no BNG. Unha visión que centra todas as análises nunha coxuntura internacional e estatal negativa para os movimentos transformadores atopa os seus “compañeiros de viaxe” en posicións “pragmáticas” e mornamente nacionalistas encantadas cunha situación de xestión do escaso espazo político autonómico.
Estase a dar por tanto unha análise falsa desde a dirección da fronte de que a sociedade galega non entende a nosa posición porque é sumisa ao poder establecido, ao que lle ven desde fora, etc., afirmando incapacidade mesmo para reivindicar cambios, e por iso, imposibilita que o noso discurso poda ser entendido por unha maioría da sociedade galega. Isto significa, máis unha vez a falta de autocrítica desde o seo do BNG, tirando balóns fora e chegando a ridiculizar a sociedade galega no seu conxunto. Somos nós, como nacionalistas os que temos que ser capaces de crer no noso pobo e así poder defendelo e luitar desde as bases pola súa mellora e benestar.
Por outra banda visións pretendidamente “ortodoxas” no que se refere á relacións entre organización política-movimentos sociais non fan máis que dificultar o camiño de transformación da realidade. Unha visión que asume o movimento social como mera correa de transmisión das decisións da organización política non é capaz de articular tras de si os diversos suxeitos transformadores, unha das tarefas prioritarias neste momento histórico. Hoxe en día impóñense, máis do que nunca, relacións de horizontalidade entre as organizacións políticas e os movimentos sociais nacionalistas, relacións en que cada un dos axentes traballe o seu espazo sen interferir no dos demais e que se baseen no desenvolvimento dun programa estratéxico de maior alcance que o dos catro anos interelectorais. Continuar coa vella idea de non respeitar a autonomía dos movimentos sociais supón perpetuar a idea (hoxe en día conseradora) de que só fan política as organizacións que participan no xogo representativo parlamentario, os ventos en Galiza e no mundo están a ir xa noutra dirección. Sen avanzos na movilización social, sen a criación de bases de poder político proprio desde a base, non poderá existir nengunha transformación real por muito que unha forza progresista controle a administración do poder institucional. Un dos obxectivos fundamentais dunha organización nacionalista e de esquerdas, polo tanto, debe ser a de criar instrumentos de representación popular directos e fomentar a súa participación na vida pública das organizacións populares, non o mero eleitoralismo e o utilitarismo do movimento social.
Unha organización nacionalista e de esquerdas debe ser absolutamente democrática no seu funcionamento xa que a construción do poder desde abaixo comeza pola propria organización. Do mesmo xeito o debate político e de ideas e non a mera xestión debe ser o debate fundamental nunha organización política transformadora que, ademais, non debe ser impermeábel ás demandas dunha sociedade á que di representar. É necesario acadar un novo tipo de militante, que use todas as súas enerxías en organizar o povo que vive e traballa, que mantén a coerencia entre medios e fins, que constrúe un novo modo de vida sen ruptura entre o pensamento e a acción.
Neste momento urxe a construción dun espazo político transformador no seo do Bloque Nacionalista Galego. Un espazo que articule as demandas da clase traballadora, da mocidade e das mulleres, isto é, da maioría da nosa nación. Este espazo debe construír un programa de transformación socialista en clave soberanista da nosa nación.
Nós como mocidade revolucionaria e socialista vamos aportar a nosa contribución ao mesmo en base aos seguintes pontos:
Autodeterminación: O dereito irrenunciábel de todos os pobos a decidir o seu futuro é eixo básico do traballo político nunha nación colonizada como a nosa. A conquista da soberanía nacional só é posíbel nun proceso en continuo andamento, que non pode ficar limitado á loita por un ou outro marco xurídico-político decidido por referendo.
Socialismo: Recollemos as ideas de Marx, Engels e Lenine apartir das cuais se funda unha teoría política que interpreta a realidade concreta de cara á súa transformación revolucionaria. Un movimento autenticamente transformador só pode levar á democracia participativa como forma de governo, e recíprocamente, o obxectivo dunha democracia que sexa tal só pode ser a transformación radical da sociedade, no noso caso a liberación dun país oprimido.
Construción de poder desde abaixo: A transformación revolucionaria da nosa realidade comeza agora. Criaremos, participaremos e fomentaremos aqueles organismos e organizacións populares realmente democráticas e compremetidos co país.
Antiimperialismo: A luita pola liberación nacional de Galiza incrébese dentro da luita mundial dos povos contra o imperialismo e o capitalismo.