O PSOE prepara xa a súa propia reforma da Constitución para consensuar co PP, na que obviamente non pretende declarar o dereito de autodeterminación para as nacións oprimidas, garantir os dereitos sociais xa incumpridos durante estas décadas nen abolir a monarquía, sen apenas garantir que unha muller poida herdar o trono polo feitode nacer nesa familia de oligarcas cleptócratas. E chámanlle progresismo. Con todo, será unha boa ocasión para extender a loita contra o anacronismo da monarquía, cada vez presente en menos países -o último en abolila foi o Nepal- e lembrar que os galegos non temos futuro na Constitución pactada entre os franquistas.
O monarca borbónico, imposto por decisión do ditador Francisco Franco como símbolo da profundidade da “Transición democrática” e cada vez máis cuestionado polos pobos e traballadores/as do Estado, eloxiou agora publicamente ao “progresista” presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, co que demostra estar moi contento. Trátase da primeira ocasión na que o Bourbon expresa publicamente a súa impresión positiva sobre un presidente do goberno, o que espertou unha nova polémica virtual na caverna mediática española, que non pensa cuestionar que o máximo representante do Estado sexa escollido en virtude de dereitos dinásticos e poida delinquir impunemente sen verse afectado polas leis, a pesar de que moitos dos seus socios fosen condenados por delitos financeiros e de que evolución da súa situación económica -da ruina do exilio a convertirse en multimillonario- non ten máis explicación que a que parece evidente; ao cabo, as forzas policiais e os xuíces están moi ocupados en investigar a xente que leva un GZ no automóbil ou enviar ao cárcere a un mozo por unha bandeira.
O PSOE é o único partido no que algúns dirixentes poden definirse á vez republicanos e monárquicos, saltando por riba das bandeiras da razón. Na inauguración da lexislatura estatal, o presidente da Cámara, o inefábel José Bono, aseguraba que por riba de todo estaba a “igualdade entre os españois”, xa que se trataba de atacar aos nacionalismos, e a continuación cedeulle cinicamente a palabra a este personaxe que nunca foi votado por ningún para poder inaugurar a sesión. Todo un símbolo da democracia.
Afortunadamente, non todo o mundo participa do pacto de silencio e do afogante consenso mediático imposto no “Reino de España”. Seis meses despois do “Por que no te callas” orneado na cimeira latinoamericana polo xefe de Estado, que ten importantes intereses económicos en Latinoamérica e en medio mundo, o presidente de Venezuela, Hugo Chávez, recomendoulle non voltar a estes encontros, ante a intención dos gobernos de esquerdas da rexión de defender os seus dereitos fronte ao voraz neocolonialismo económico das multinacionais españolas, das que o monarca é accionista.