O Parlamento do Estado vén de iniciar o proceso de debate a aprobación dunha proposta de Lei que regule a interrupción voluntaria do embarazo co pretendido obxectivo de superar a actual situación na que o aborto non é recoñecido como un dereito das mulleres sobre o seu corpo e figura no código penal amparando a interrupción nunha serie de supostos de despenalización do mesmo.
Unha vez máis o estado español comandado polas forzas do sistema elabora unha lei á marxe do pobo excluíndo do proceso aos movementos feministas que historicamente veñen reclamando este dereito para as mulleres e o seu acceso libre e gratuíto na sanidade pública con todas as garantías. Unha vez iniciado o proceso de elaboración desta Lei, sempre baixo as coordenadas do sistema patriarcal, a intención das forzas do sistema foi dotalo dunha pretendida etiqueta de progresista e avance na consecución dos dereitos para así manter o status quo e impedir un avance real de dereitos.
Os sectores máis reaccionarios do estado coa Igrexa en cabeza, que non dubidou en saír as rúas para reclamar que non se conceda as mulleres o dereito ao aborto libre e gratuíto, as organizacións provida que defenden a incapacidade da muller para decidir conscientemente sobre o seu corpo e a súa vida e as clases dominantes que de man do capital practican a súa hipócrita moral de abortos no estranxeiro ou en clínicas privadas, exercen máis unha vez da man do goberno “progresista” do PSOE de ferramenta de opresión das mulleres.
Dende Isca! defendemos o dereito ao aborto libre e gratuíto na sanidade pública como un dereito inalienábel das mulleres que non pode ser tutelado nin condicionado a ningunha decisión externa que non sexa a da propia muller que, libre, consciente e unicamente baixo o seu criterio, decida ou non interrumpir o seu embarazo. Por iso, tras unha análise dos pretendidos avances que esta Lei propón para as mulleres non podemos máis que manifestarnos contra o discurso do sistema e destas clases dominantes sobre o presunto avance que supón para os dereitos das mulleres esta formulación da Lei do Aborto.
Apuntamentos para a crítica.
– Participación do movemento feminista na elaboración da Lei. O que podía ter sido un importante proceso de diálogo co movemento feminista para a elaboración dunha lei de verdadeiro consenso entre as institucións e as activistas ficou, como era de esperar, nunha marxinación por parte das institucións dos colectivos e activistas en favor dun discurso baseado na medicalización do proceso e as respostas dende os resortes do sistema. Unha vez máis o PSOE preferiu falar cos colectivos antiabortistas de cara a explicarlles unha lei amábel e covarde no canto de tecer relacións co movemento feminista para apostar por unha transformación e un avance real na lexislación sobre o aborto no estado español.
– A identificación da saúde sexual das mulleres coa reproducción (O nome da Lei e: Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo e Saúde Sexual e Reprodutivas), claramente igualadas ao tratarse na mesma lei na que se trata a interrumpción do embarazo supón seguir limitando os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e insistindo no discurso patriarcal do sistema que centra a vida afectiva e sexual das mulleres e os dereitos que destas derivan nas políticas reprodutivas e de control da maternidade.
– O prazo das 14 semanas de aborto libre supón que calquera decisión a respeito da interrumpción do embarazo a partir deste prazo podería considerarse delito de non contar co beneplácito dos médicos. Este prazo trae canda si unha gran inseguridade xurídica xa que calquera pode denunciar a unha muller que a partir das 14 semanas decida interromper o seu embarazo se considera que nese caso o aborto non cumple os supostos estabelecidos a partir desta data.
– O anteproxecto contempla a interrumpción do embarazo até a semana 22, cando dous expertos ditaminen que existe grave risco para a saúde da nai ou graves anomalías no feto. Mas a partir da semana 22 só poderá interromperse o embarazo se os médicos, distintos dos que realicen a intervención, ou un comité clínico, ditaminan unha enfermidade grave ou incurábel para o feto, non se menciona á muller neste suposto. A partir da semana 14 desaparece o dereito a abortar libremente e pasan a ser os médicos ou comités clínicos os que determinan os criterios e a posibilidade de interrumpir o embarazo.
– A partir das 22 semanas as mulleres fican desprotexidas e poden ser perseguidas por realizar unha interrupción do embarazo. Hoxe en día un dos supostos de despenalización do aborto permite abortar, sen límite de tempo, en caso de grave risco para a saúde física ou psíquica da muller. A proposta de lei é, por tanto, un atraso neste sentido e presenta incluso maior indefensión da muller que a actual despenalización.
– Fixa tres días de reflexión cando unha muller manifesta o seu desexo de abortar e indica que durante este tempo a muller debe recibir información por escrito das axudas de apoio á maternidade. Isto é un ataque frontal á autonomía da muller e vén a cuestionar a capacidade desta para decidir e, incluso, os procesos que a levaron a esa decisión. Acaso unha muller non toma por si mesma un período de reflexión antes de tomar a súa decisión? A lei pretende estabelecer e legalizar o feito de forzar as mulleres a ser informadas sobre as axudas á maternidade e non sobre unha elección libre e consciente sobre o seu corpo.
– Dende os 16 anos, a lei acabará por dispor que, agás en casos nos que a situación familiar o impida, as menores de 16 anos que queiran abortar terán polo menos que informar a un dos seus proxenitores ou titores legais, aínda que a decisión sexa da muller embarazada. Isto limita o aparente avance que supuña recoñecer a autonomía de que a partir dos 16 anos as mulleres poidan tomar a decisión libremente. Informar a terceiras persoas implica unha presión implícita ou explícita sobre a decisión da menor pois esta pode estar sometida a dependencia económica e familiar, sexa ou non nun entorno de presión directa sobre a súa decisión.
– O Aborto non desaparece do código penal pois seguen a existir casos nos que se pode considerar delito abortar. Porén suavízanse as penas para as mulleres e endurecense os castigos para os profesionais médicos. Isto supón por un lado, ao permitir a obxeción de conciencia, que a persecución aos profesionais poida incrementar esta obxeción pois xera presións e situacións de indefensión, e por outro que o aborto siga a ser un delito aínda que só nalgúns casos. Nomeadamente a partir da semana 22 esta situación é un claro atraso a respecto da actual despenalización.
– A nova lei do aborto recoñecerá o dereito á obxeción de conciencia dos profesionais sanitarios directamente implicados na interrupción do embarazo, como son os cirurxáns e os enfermeiros e enfermeiras. Así pois seguimos sen ter garantías de poder exercer un dereito fundamental (mais limitado ás primeiras 14 semanas) e sen unha regulación que impida que unha muller poda ver conculcado un dereito pola obxección de conciencia dun profesional implicado no proceso. A lei fala de garantir a intervención cirúrxica pero non de impedir a obxeción abrindo a porta a situacións de parálise en aquelas situacións na que o investimento en recursos humanos sexa escaso e non se consiga garantir máis dun profesional capacitado para a intervención, situación nada imposíbel no estado actual do sistema sanitario en mans da dereita reaccionaria e antiabortista no noso país. A obxección deberá facerse por escrito e de maneira individual para evitar as “obxeccións colectivas” de todo un hospital e para garantir a práctica de abortos nos centros públicos. Este é un tímido avance a respecto da situación anterior na que a obxección de conciencia do xefe de servizo imposibilitaba ao resto de profesionais para realizar a intervención. Un tímido avance que segue sen garantir por completo o dereito dunha muller a que se lle realice a interrupción voluntaria do embarazo.
– Educación sexual nos colexios, que se ninguén o remedia ficará ligada necesariamente á reprodución pois quen fai a lei sitúaa neste plano de discurso.
Destes apuntamentos e a súa análise concluímos que malia as propostas que inspiraron o proceso de elaboración desta lei (propostas levadas ao parlamento do estado en repetidas ocasións polo Bloque Nacionalista Galego e Esquerda Unida) o PSOE volveu facer gala da súa covardía en materia de feminismo persistindo no discurso patriarcal do sistema no que a sexualidade está ligada á reprodución e os dereitos das mulleres supeditados a toda unha serie de trabas morais e burocráticas que o sistema se afana en preservar incluso mediante unha pretendidamente progresista Lei do aborto.
Unha vez máis as mulleres vemos nominalmente recoñecidos uns dereitos que logo se nos nega poder exercer plenamente a través de leis tramposas que lonxe de avanzar e achegar a nosa emancipación moldean o discurso ao sistema perpetuando a nosa opresión.