Desde Isca! sempre apostamos por crear espazos de loita unitarios en chave soberanista e de esquerda, sen máis límite que a lealdade e o respecto á pluralidade. A unidade de acción de todas as que defendemos a construción dunha República Galega como ferramenta para a transformación social e a superación do capitalismo e de toda opresión foi pois, desde o noso nacemento como organización, unha prioridade política.
É por iso que saudamos especialmente a histórica convocatoria unitaria do 24 de xullo, data en que unha manifestación conxunta das organizacións da mocidade soberanista e independentista percorreu as rúas de Compostela para reclamarmos o dereito a ser un pobo libre.
Somos oito as organizacións xuvenís e estudantís que impulsamos esta mobilización pola independencia, representando a inmensa maioría da mocidade organizada actualmente nestes parámetros. Desde Isca! quixemos contribuír desde o primeiro momento a viabilizar esta convocatoria e a que nela participase quen quixese estar, sen máis límite que a aceptación dos puntos mínimos que acordamos entre todas.
Precisamente a nosa vocación unitaria e a vixencia que entendemos do modelo de fronte de liberación nacional e social foi a que desde o comezo da nosa existencia nos fixo participar activamente no proxecto frontista do BNG, defendendo no seu interior unha liña claramente soberanista, de esquerda e alicerzada nos movementos populares. Mais iso foi algo que non nos impediu nunca entender e valorar que fora do BNG hai moita militancia, especialmente xuvenil, que de forma organizada ou non partilla os mesmos obxectivos estratéxicos e que era preciso dar pasos para xuntar esforzos, superar receos e deixar atrás dinámicas sectarias.
Por iso queremos pór en valor estes primeiros pasos que se están a dar neste vieiro a nivel xuvenil, así como os que se están a dar noutros ámbitos, como a iniciativa popular Galiza pola Soberanía que tamén apoiamos e axudaremos a espallar.
É responsabilidade de todas ir creando marcos de confianza nos que irnos coñecendo e camiñando xuntas, deixar de lado oportunismos e partidismos, combinando axeitadamente a lexítima defensa do proxecto político de cada quen coa necesidade de impulsar dinámicas unitarias.
É moito o que nós xogamos como mocidade, como pobo e como clase. Por nós non ha quedar.
Publicado no nº7 do noso voceiro nacional “Combater”