V Asemblea Nacional. Rachar co presente, construír o futuro!

5asembleanacionalO vindeiro 7 de febreiro terá lugar na cidade de Compostela a 5ª Asemblea Nacional da nosa organización baixo o lema “rachar co presente, construír o futuro. Militancia, colaboradoras e convidadas están chamadas a debater uns documentos centrados en diferentes aspectos políticos e organizativos, co fin de marcar os pasos a dar nos próximos anos, nun contexto social cada día máis hostil para a mocidade. Escollerase tamén unha nova Mesa Nacional para este período.

A crise do capitalismo agudízase, do mesmo xeito que os recursos agresivos do imperialismo contra os pobos. Analizarase a súa acción depredadora e a nova estratexia de intervención a través dos chamados “golpes suaves” ou “revolucións de cores“. No noso país a situación da mocidade é desoladora, cunhas taxas de desemprego superiores ao 50% e un grandísimo número de emigradas por causa da miseria e a precariedade. Analizar esta realidade e a alternativa política revolucionaria e independentista que se plantexa será outro dos puntos a debate. Lonxe das propostas políticas que chaman a reformar o Estado, pénsase que o proxecto independentista é o único transformador digno de tal nome e a única vía posíbel de ruptura democrática co réxime. Para isto, reforzar as organizacións propias é fundamental, neste caso o BNG.

A debate tamén estará a ofensiva do Partido Popular sobre as mulleres e a capacidade de decisión sobre o seu propio corpo. A mobilización social, a pedagoxía e a axitación feminista foron un factor fundamental para a retirada da reforma do aborto. Gañouse unha batalla pero fican moitas outras. Para rematar coa violencia machista, a visibilizada e tamén a invisibilizada, non hai máis saída que rachar co sistema de opresión estrutual de xénero, o patriarcado. Afondando nesa cuestión, óllase como a concepción binaria home-muller non é real e cómpre tamén rachar con esa visión do mundo.

Debatirase tamén a acción de Isca! nas diferentes organizacións do nacionalismo, desde un punto de vista autocrítico e realista. Ponderando os éxitos e analizando os erros. Que medidas organizativas cómpre levar a cabo para mellorar a capacidade de intervención política de cara a seguir a expandir, no seo do movemento popular galego, un espazo político de clase, comunista e independentista. Con humildade mais con firmeza no discurso e na paxe.

Este camiño farase xunto ao Movemento Galego ao Socialismo, que vén de aprobar recentemente na súa II Asemblea Nacional o recoñecemento de Isca! como as súas mocidades. Isco completa a resolución da 4ª Asemblea Nacional de Isca! onde se consideraba ao Movemento a súa estrutura partidaria.

A partir das [NOVA HORA] 19:00 horas terá lugar o acto de clausura no salón de actos do Colexio Maior San Clemente (Praza Rodríguez Cadarso, Campus Sur, Compostela), que será aberto a quen quixer asistir. Non o perdades!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario