Venezuela: hai outro camiño

Europa e a América Latina foron históricamente polos antagónicos nun esquema de dependencia colonial que se agudizou co xurdimento dun sistema mundo de capitalismo global e depredativo. Mentres as elites político-económicas do primeiro continente, ante o pulo que a fin da II Guerra Mundial deu ao avanzo dos movementos socialistas no leste, xogaron as súas cartas na extensión dun chamado “Estado do Benestar”, as do segundo, subsidiarias e dependentes do capital internacional e dos ditados dos gobernos dos países capitalistas desenvolvidos, condenaron á miseria e o subdesenvolvemento ás maiorías sociais dos seus respectivos estados. Foi entón cando, cumpríndose as teses leninistas sobre o imperialismo, a Revolución atopou o seu terreo máis propicio no elo máis feble da cadea, América Latina: as triunfantes guerrillas de Cuba e Nicaragua e a guerra prolongada na Colombia dan boa mostra diso.

Consecuencia da tradición loitadora que os devanditos feitos inspiraron na América Latina, hoxe son varios países deste espazo xeográfico, histórico, lingüístico e económico os que, recollendo a testemuña do campo socialista do século XX e aprendendo dos erros e acertos das experiencias pasadas, erguen unha alternativa económica, política e social ao capitalismo e a dependencia nacional. Os propios movementos, froito da súa dialéctica interna e da experiencia acumulada ao longo de décadas de loita, teñen mudado: se noutrora primou a vía insurreccional e as experiencias do foquismo guevarista, hoxe unha combinación de avance institucional e mobilización de masas pretende, empregando en beneficio do pobo a vía democrático parlamentaria, a construción do socialismo nesa parte do mundo. É o caso dos gobernos de Bolivia, Ecuador ou Venezuela.

Que acontece mentres no outro espazo xeográfico mencionado? Europa, e dentro dela a Unión Europea, presenta un panorama desolador. O caso da España é abondo indicativo: mentres masas de traballadores e traballadoras toman as rúas, un goberno monifate do capital europeo e español recorta os dereitos sociais adquiridos ao longo de máis de cen anos de movemento obreiro baixo a ameaza constante á orde dominante por parte do marxismo. Impostos indirectos e inxustos como o IVE aumentan a súa porcentaxe mentres se premia a evasión de capital con amnistías fiscais. Recórtanse as prestacións por desemprego. Condiciónase o futuro da sanidade e do ensino públicos. Todo isto baixo un férreo control policial, unha persecución da disidencia ao estilo dos mellores días do franquismo e a tipificación penal de prácticas de resistencia pasiva. Nunca tanta razón tivo aquela afirmación de Karl Marx: o Estado moderno é un comité que administra os asuntos comúns da burguesía. E nós, o conxunto das clases populares, non estamos incluídos na folla de ruta da “recuperación económica” máis que como pagadores dunha débeda que non é nosa.

Mentres, na Venezuela afróntase o 7 de outubro un proceso electoral presidencial que pretende afianzar as conquistas da Revolución Bolivariana e garantir a construción dunha patria socialmente xusta, isto é, socialista, e internacionalmente respectada, isto é, independente. O compañeiro Hugo Chávez e o Gran Polo Patriótico (GPP, onde se integran o PSUV, o Partido Comunista e outras organizacións da esquerda venezolana) propoñen ao pobo un debate e confronto de ideas que permita a elaboración dun II Plan Socialista da Nación Simón Bolívar. Con ese proxecto, herdeiro do desenvolvido no período 2007-2013, a economía do país pretende a súa evolución desde o actual modelo de capitalismo rendista das exportacións petroleiras a un modelo socialista e produtivo, onde se desenvolva a propiedade social dos factores e medios de produción básicos e estratéxicos. Ademais o GPP busca a extensión dun modelo de democracia participativa que supere o estreito marco do parlamentarismo burgués e permita as maiorías sociais a participación nos beneficios e dirección da economía e goberno nacionais. No eido internacional, herdeira da declaración de antiimperialismo que a propia Revolución asumiu en 2004, o goberno bolivariano promoverá o fortalecemento do polo socialista americano e do conxunto da América latina, espazo historicamente golpeado polo imperialismo estadounidense por medio de golpes de estado, invasións militares e bloqueos económicos. Ademais, o programa electoral do GPP contempla o respecto polo medioambiente co obxectivo dunha economía sustentábel.

Comparemos, xa que logo, a situación entre a Galiza e a Venezuela. Entre o noso sometemento a un goberno estranxeiro que retira dereitos sociais e outro que os espalla. Entre un goberno español que aproba unha reforma constitucional no Congreso e un venezolano que a somete a referendo. Entre un país onde as condicións de vida materiais das maiorías melloraron en catorce anos e outro onde esas maiorías perden día a día a súa condición de proletariado privilexiado no sistema mundo, até as condicións sociais e laborais de xeracións anteriores. Entre un goberno elixido e revalidado de xeito escrupulosamente democrático e tecnócratas impostos por verdadeiros golpes de estado coma o primeiro ministro italiano.

Nós, como independentistas e revolucionarios galegos, non podemos se non compartir os obxectivos estratéxicos do movemento bolivariano: a Independencia Nacional e o Socialismo na patria propia. Contra a manipulación mediática e a consigna da resignación, o noso ollar posto na América Latina lémbranos, e demostra ao mundo, que hai un xeito diferente de afrontar a economía, a organización social e a política da humanidade, e que está en permanente construción. A única saída xusta, digna e posíbel.

Publicado no Combater nº6

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario