A nosa foi unha das diversas organizacións que participaron na mobilización solidaria con Cuba celebranda o pasado domingo en Compostela. Xunto co Movemento Galego ao Socialismo portamos unha faixa conxunta co lema “Coa revolución sempre. Con Cuba sempre”, e distribuimos exemplares da nosa folla axitativa, Rebater, e colantes en apoio á Revolución. Xa nos días previos editamos cartaces convocando a manifestaión e difundindo algunhas realidades pouco coñecidas sobre Cuba e deformadas pola propaganda mediática do sistema.
Pódese ler a crónica publicada na web do Movemento Galego ao Socialismo sobre esta mobilización internacionalista.
A seguir reproducimos o texto da nosa folla axitativa Rebater distribuido na mobilización:
Hai un ano lanzamos unha campaña de solidariedade internacionalista coa revolución cubana, co seu primeiro medio século de existencia como escusa idónea. Afirmabamos daquela que este proxecto revolucionario resistiu todas as profecias do capitalismo sobre o seu derrubo, todas as agresións armadas e mediáticas, e pervive forte e libre nun soberano e indómito país do Caribe. Nada ten de estrañar que teñamos que volver insistir nas mesmas ideas ante unha nova farsa informativa: o capitalismo nin perdoa nin esquece a quen lle fai fronte, e non adoita equivocarse de inimigo.
Esta campaña, organizada e financiada desde os Estados Unidos e a Unión Europea, salienta pola súa magnitude e céntrase -con máis cinismo que nunca- nunha suposta defensa dos dereitos humanos, manipulando a defunción dun preso común, tristemente incitado polos únicos beneficiarios da súa morte a manter unha folga de fame con demandas personais que non están ao alcance de ningún encarcerado no mundo. As mentiras continúan agora con outra folga de fame dunha persoa que se atopa en liberdade tras cumprir sanción por diversos delitos comúns, cos médicos cubanos igualmente empeñados, como non podía ser doutro xeito, en salvar a súa vida.
Non atopamos palabras para describir a hipocresía dos gobernos estadounidense e europeos, e dos medios de comunicación que exercen de altofalantes do capital. Non obstante, si atopamos algúns exemplos: doble vara de medir frente ás torturas -estas si reais- na chamada guerra contra o terrorismo, cárceres clandestinas, centros de tortura fora de calquera lexislación -ironicamente situados en Cuba, na base de Guantánamo-, persecución e vixilancia policial da disidencia política, encarceramento de activistas políticos e sociais, peche de medios de comunicación, cargas, malleiras e agresións policiais contra mobilización sociais de todo tipo, maltrato e internamento en centros infames de persoas inmigrantes, sometidas a unha lexislación que criminaliza o fenómeno migratorio… estes son os dereitos humanos habituais polos que velan os defensores do sistema. En realidade, todo está xustificado -tanto que parece que non teñen nin que xustificalo- para eles: desde o bombardeo de pobos, a ocupación de países, a condena á fame e á enfermidade da maior parte da humanidade e ata a ameaza de destruir o conxunto do planeta.
Así, só a mentira podía salvar a distancia entre a realidade e os desexos do capital. Unha das críticas máis significativas é o suposto anacronismo da revolución patriótica e socialista na era da globalización. Segundo este relato ideolóxico, Cuba apenas serviría como escenario do traballo de campo dos arqueólogos da esquerda, unha vez derrubado o comunismo. Non obstante, o certo é que é ao contrario: nos últimos anos serviu de sustento e inspiración, teórica e prática, de movementos rebeldes ao longo de todo o globo.
Con toda a modestia necesaria, inserímonos neste grupo. Vémonos obrigados a explicar máis unha vez que nos posicionamos a favor de quen que sinten como propias todas as inxustizas e non de quen se enriquece con elas, de quen exportan médicos e non bombas, de quen ensina a ler e non de quen promove a desaparición de centos de linguas e culturas, de quen preconiza a igualdade das nacións e non de quen as explota, invade e coloniza, de quen devolve a vista e cura as enfermidades e non de quen convirte a saúde en negocio, de quen defende a supervivencia da Terra e non de quen envelena o mar, a terra, os ríos ou os alimentos. E aínda máis, non só apoiamos Cuba senón que nos apoiamos en Cuba: porque sabemos que a mellor solidariedade internacionalista é organizármonos contra o capital na nosa propia nación, inspíramonos nestes valores, no exemplo dunha nación heroica que demostra que o único futuro está fora do capitalismo, que só vencen os pobos que loitan, que é posíbel vivir doutra maneira, aquí e agora. Por iso non poden perdoala.