Vuelta a España fóra da Galiza!

De mércores 10 a domingo 14 terá lugar a celebración das últimas 5 etapas da Vuelta Ciclista a España nas estradas do noso país. O deporte, como todo, tamén é política e esta proba non é unha excepción presupondo a españolidade do noso territorio e normalizando a simboloxía española por toda a xeografía galega xa sexa no urbano ou no rural. As probas deportivas (nomeadamente o fútbol, mais non só) non serven a fins neutrais como tanto teiman en nos repetir; sabemos que son utilizadas cuns fins políticos moi concretos: como arma politizadora e ideoloxizadora de propaganda, exaltación do proxecto español, normalizando nas rúas unha simboloxía que rexeitamos e que representa a negación da nosa nación e eliminando o sentimento galego na nosa terra para sermos máis colonia, desta volta empregando para iso orzamento público.

A Xunta de Galiza afogou desde un comezo ao deporte de base, retiroulle todo tipo de apoios e subvencións, calcelou os tradicionais xogos amigábeis das nosas seleccións nacionais (non falamos xa da prohibición que existe da posibilidade de competir internacionalmente) e mesmo eliminou o equipo ciclista profesional galego alegando falta de cartos e austeridade. Austeridade que non existe á hora de pagar o paso das etapas polo noso país cuxo importe económico é descoñecido con exactitude sendo ocultado premeditadamente pola administración. Ocultado foi tamén o custe económico da edición do pasado ano, que tivo a súa saída en Vilanova de Arousa, e que se chegou a estimar en máis dun millón de euros (gastando até 150.000€ só no anuncio promocional, por exemplo).

Desde Isca! denunciamos o obxectivo político incuestionable que a presenza da Vuelta a España significa no noso país, colonizado e empobrecido desde hai décadas por parte dun Estado que vulnera os nosos dereitos políticos e teima en liquidar a nosa lingua, cultura e identidade. Chamamos a toda a mocidade galega a respostar de xeito activo enchendo de simboloxía nacional galega o percorrido, bandeiras ou murais na propia rúa para mostrar ao mundo a existencia dun conflito político no noso país e a lexítima reivindicación independentista.

Vuelta a España fóra da Galiza.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario