As militantes de Isca! acreditamos na (auto)formación como unha das ferramentas precisas para loitarmos contra o sistema de vida e de relacións que nos impón o capitalismo e o patriarcado, mellorando a nosa capacidade de acción política e militante para así transformar a realidade que nos tocou vivir. Pensamos que aprender sempre é a mellor maneira de avanzarmos, construindo alternativas aos poderes que nos queren ignorantes e submisas.
Desta volta organizamos unha xornada de auto-formación feminista o vindeiro domingo día 9 de Marzo a partir das 16:30 horas no local nacional do MGS (Avda Castelao 30, baixo. Compostela) na que abordaremos o debate recurrente sobre a necesidade de entrelazar loita feminista e de clase, co obxecto de repensar a transversalidade do feminismo, o sentido táctico das alianzas e o horizonte estratéxico no que axir, tentando contribuir na medida do posible a un debate hoxe moi vivo e que confronta distintos xeitos de entender o feminismo. Sen pretender conclusións inmutabeis, queremos abrir un espazo para a reflexión de cara a como articular as nosas accións tácticas e a nosa loita estratéxica como feministas e revolucionarias.
O feminismo ensínanos permanentemente a necesidade de aprender unhas das outras, de escoitar para analisar, cuestionar e transformar aquilo que nos somete. Por iso, convidámosvos a compartir esta xornada de reflexión e debate, para continuar, máis fortes, a nosa loita feminista e antipatriarcal.
* Este encontro é aberto a quen quixer participar. Podes descargar o texto en PDF aquí