Xornadas nacionais. 10 anos loitando, 10 anos organizando!

jornadas 10 anosO 15 e 16 de xullo de 2006 tiña lugar en Compostela a nosa Asemblea Constituínte. Alí púñase a primeira pedra no difícil proxecto de consolidar un novo espazo político xuvenil no seo do nacionalismo galego, un espazo nidiamente independentista e revolucionario que fose capaz de combinar incidencia social con un discurso coherente e desacomplexado. Para iso, hai case dez anos xuntámonos varias ducias de militantes mozos e mozas que aspirábamos a renovar o discurso e a praxe do movemento xuvenil, aglutinando a militancia crítica coa deriva da dirección política do nacionalismo naquela altura.

Neste tempo foron variados os nosos campos de actuación: desde o traballo na altura no seo Galiza Nova até o movemento estudantil, o sindicalismo, o asociacionismo cultural, os Centros Sociais, o movemento en defensa da lingua, o movemento antirrepresivo, o internacionalismo… moitas son as frontes onde temos trasladado a nosa visión e as nosas propostas, e moitas teñen sido tamén as nosas propias actividades e campañas (táctica que seguimos actualmente) por diversos temas: os nosos dereitos nacionais, a defensa do idioma, as seleccións deportivas, a loita obreira, o feminismo, a defensa do medio, a solidariedade internacionalista cos pobos en loita…

En todo momento fomos conscientes de que o noso percurso non ía ser fácil. Vai contracorrente quen -neste momento en que está tan de moda na esquerda renunciar a cambiar o sistema e optar por cambiarse un mesmo- se nega a asumir esa posición de derrota e ergue un discurso claramente antisistema e revolucionario. Por iso, foron moitos os que nos auguraron unha pronta desaparición, mais aquí seguimos a pesar de moitos atrancos que, como a previsíbel represión que tamén tivemos que enfrontar, nos teñen dificultado o camiño.

A existencia dese espazo propio que queríamos construír e a súa consistencia son xa unha modesta realidade que medra de vagar en militancia e capacidade de influencia, á que aínda lle falta moito por percorrer. Por todo isto vemos a necesidade de organizar unhas xornadas nacionais que misturen formación, loita e festa o vindeiro 18 de Xuño en Compostela co segunte programa:

[11:00 horas] na Gentalla do Pichel.

Militancia e orientación comunista nas organizacións sindicais de clase.

  • Raquel Vázquez, militante da CIG e presidenta do Comité de Empresa de Unísono.
  • Antolín Alcántara, militante da CIG e Secretario Confederal de Negociación Colectiva do sindicato.

Percorrido histórico de Isca! Importancia da organización revolucionaria.

  • Ximena González, activista feminista e ex-Responsábel Nacional de Organización de Isca!
  • Breixo Lousada, militante soberanista na emigración e ex-Responsábel Nacional de Organización de Isca!

[14:00 horas] na Gentalla do Pichel.

Xantar mancomunado e foliada!

[16:30 horas]

Roteiro histórico/político por Compostela. Organiza a Comissom de História da Gentalha do Pichel. Saída desde o propio Centro Social.

[18:00 horas]

Encontro con Organizacións internacionais en Bonaval. Presentación da realidade de cada pobo.

[22:00 horas]

Concerto na Praza 8 de Marzo (Praza Porta do Camiño, Rúa San Pedro). De balde e barra con prezos populares.

Poetarras, Trapallada e Nao.

.

Seguimos!

10 anos LOITANDO, 10 anos ORGANIZANDO.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario