Os xoguetes non teñen xénero

Achégase o Nadal, a data cúspide onde o sistema capitalista aproveita para promover de maneira máis agresiva un consumismo desmedido en forma de agasallos. Unha data onde as crianzas son o suxeito protagonista e destinatario dun bombardeo masivo de publicidade para escoller cal vai ser o seu agasallo.

Por se tratar dun modelo de consumo que parte do capitalismo, este reproduce todas as características proprias do capital. Entre elas podemos encontrar a difusión do patriarcado, o modelo socio-cultural que impera nas sociedades capitalistas. Esta é unha das numerosas maneiras coas que se asimilan os roles de xénero machistas da sociedade. Ao seren as destinatarias do bombardeo destas datas, as crianzas reciben directamente a ideoloxía de xénero que espalla o patriarcado por medio de xoguetes, libros e demais pasatempos que reciben no Nadal. Créase, desta maneira, unha distinción entre o que recibirán as nenas e o que recibirán os nenos.

Fomentan os estereotipos

Por unha banda, para as nenas créase a idea de que teñen que xogar con cociñas, produtos de limpeza e bonecos para peitear e coidar. Isto provoca que se asimile a idea de que as mulleres son as persoas que teñen que facer as tarefas e os coidados na casa. Moitos dos xoguetes tamén reproducen uns canons de beleza irreais e daniños que as nenas terán que adoptar para ser aceptadas socialmente. Este tipo de rol é asimilado en produtos como a maquillaxe para nenas ou as bonecas con características físicas moi determinadas como a extrema delgadeza. Todos estes xoguetes teñen a característica común de non estimular a actividade física e promover a pasividade absoluta, unha maneira de evitar que as nenas exerciten o seu corpo e gañen habilidades motoras. Desta maneira créase un comportamento pasivo que se desenvolverá durante o resto das súas vidas.

Por outra banda, para os nenos créase a idea de que teñen que xogar con outro tipo de xoguetes, xoguetes que estimulan máis a actividade física. Os bonecos cos que xogan os nenos non son bonecos para peitear ou coidar, son bonecos cos que xogar a loitar. Bonecos como soldados, policías ou bombeiros estimulan e promoven un rol activo entre os nenos que choca co rol pasivo das nenas.

O rol do patriarcado

Mentres que aos nenos se lles anima a ser fortes e valentes, ás nenas anímaselles a ser guapas e saber comportarse, é dicir, o patriarcado estimula un rol activo/pasivo entre as crianzas. Por esta razón aos xoguetes engádeselles un xénero artificial, pasan a existir xoguetes para nenas e xoguetes para nenos. Grazas a esta ideoloxía de xénero nas crianzas o patriarcado reprodúcese desde os primeiros anos de vida das persoas. Así, este modelo socio-cultural é quen de alimentar o capitalismo por medios dos seus roles de xénero en todas as etapas da vida dun ser humano.

Se temos como meta destruír o patriarcado temos que destruír o seu berce: o sistema capitalista. Un feminismo de clase é o motor chave e máis eficaz á hora de atacar o sistema machista no que nos obrigan a vivir. Se queremos vivir nunha sociedade onde todas sexamos libres temos que acabar coa opresión de clase, a que vertebra todas as demais opresións.

Desde Isca! animamos a facer boicot a todas as empresas que reproduzan os roles de xénero patriarcais nas crianzas e animamos a fomentar uns comportamentos sans nas nosas familias e amizades, promovendo que calquera crianza xogue con calquera xoguete. Unha nena pode xogar a ser bombeira e un neno pode xogar con cociñas.

Os xoguetes non teñen xénero. É o noso deber combater o patriarcado en todas as súas formas!

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario