[24 xullo] A mocidade independentista a construír a república. Mobilízate!

 

Sexta edición da manifestación xuvenil pola independencia. Seis anos tecendo e creando espazos unitarios en chave soberanista e de esquerda, sen máis límite que a lealdade e o respecto á pluralidade, onde os intereses particulares das organizacións fican nun segundo plano, algo polo que nós seguimos a apostar e onde agardemos atopar ao resto de compañeiras, que deberán explicar se deciden rachar esta unidade. Seis anos de resposta xuvenil á que todas están chamadas na defensa dunha República Galega como ferramenta para a transformación social, a superación do capitalismo e de toda opresión.

Vémonos o 24 de xullo ás 20:00h na Alameda de Compostela!

Manifesto:

Máis un ano, a mocidade galega volvemos saír á rúa o 24 de xullo para esixir aquilo que é noso, o dereito a unha vida digna na súa terra. Un dereito que vemos negado día tras día por un Estado español cada vez máis autoritario, que trata este recuncho que é o noso país coma unha colonia: encoros para producir electricidade que non pagan e praias para un turismo que xentrifica as nosas vilas e cidades. Un Estado español que conta coa absoluta complicidade dun goberno galego que, lonxe de defender os intereses galegos, aplica políticas que nos condenan, os mozos e mozas, á emigración e á precariedade.

Dende o comezo da crise, 234.740 persoas marcharon do país, das cales case 115.000 foron mozas. A emigración bate na mocidade moito máis forte que en calquera outro colectivo, e vémonos obrigadas a marchar do país, como xa fixeran os nosos avós e avoas, as nosas nais e os nosos pais, na busca dun futuro que aquí se presenta imposíbel.

A outra cara da moeda son a precariedade e o desemprego. As mozas galegas pasamos de ser máis dun 35% da poboación activa a representar apenas o 24%. Máis do 95% dos empregos creados en Galiza no 2016 foron temporais, e todas coñecemos a realidade das ETT, empresas voitre que xogan coa nosa necesidade e ofrecen soldos inferiores ó SMI. Isto fixo que a fenda salarial entre a mocidade e o resto da poboación aumentou durante estes anos, chegando a acadar case un 40%.

As mulleres xoves galegas temos que sumar a esta situación a violencia que enfrontamos a todos os niveis, en todos os espazos, todos os días das nosas vidas. As cifras son aínda máis alarmantes se analizamos o desemprego feminino, as migracións ou as condicións laborais. Mais non é só unha cuestión económica, tamén sufrimos o patriarcado nas nosas carnes e con el os ataques físicos, psicolóxicos e estruturais. Temos que loitar xuntas para frear a perda de dereitos que se conseguiron con desobediencia e afouteza no pasado. Da inseguridade dos campus e rúas, locais, asembleas e mesmo o noso fogar só poderemos saír construíndo unha sociedade verdadeiramente feminista, e isto non pode darse nun sistema que creou e que se alimenta das desigualdades entre mulleres e homes. As mozas galegas, xunto con outras moitas mulleres desde outras latitudes, traballamos día a día para poder existir e vivir dignamente en todos os recunchos do mundo.

Quen son os responsábeis desta situación? En primeiro lugar, o goberno español, coa aplicación das medidas neoliberais, como as reformas laborais, que nos negan os nosos dereitos e nos condena a unhas condicións lamentábeis ou a marcharmos do país.

Tamén un goberno galego colaboracionista, cun Núñez Feijóo máis preocupado en acadar postos de poder en Madrid que en defender a nosa terra. Mais Feijóo e Rajoy son só pezas, axentes dun sistema baseado no capitalismo que nos afoga coma clase, o patriarcado que nos oprime coma xénero, e dun Estado que nos quere esmagar coma pobo; un sistema sen reforma posíbel. En resumo, os mesmos que negan a nosa lingua, sentenciándoa a desaparecer; os mesmos responsábeis de que ardan os nosos montes, permitindo a extensión do eucalipto e recortando na prevención; os mesmos que permiten o despoboamento no rural, negando o futuro as mozas que alí vivimos; os mesmos que recortan en sanidade e educación, cunhas aulas ateigadas e hospitais sen recursos como o Álvaro Cunqueiro; os mesmos que tamén son culpábeis da precariedade das nosas avoas, que teñen a segundas pensións máis baixas do Estado; os mesmos que colaboran co machismo, pechando servizos para as mulleres ou colaborando cos medios que nos criminalizan e violentan.

As mozas somos o motor dun futuro que o capitalismo e o patriarcado nos nega. O difícil que temos acceder aos nosos estudos e a incerteza que se presenta cando logramos acabalos destrúe o desenvolvemento normal da nosa xeración. Debemos loitar para non ter que aceptar resignadamente o que nos vén dado, debemos mudar o rumbo que trazaron para nós os que viven do traballo das obreiras. Para rematar con esta realidade, as mozas galegas sabemos que non chega cunha reforma dun réxime podre e herdeiro do fascismo. Precisamos unha ruptura con este Estado cárcere de pobos, que encadea e dispersa ás que loitan pola liberdade, que silencia as que pensamos diferente e persegue ás que nos organizamos nos barrios e nos centros sociais.

Para sermos libres, coma clase e coma pobo: República Galega!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario