8 de febreiro, 4 anos despois do Día Internacional do Parvo

O 8 de febreiro de 2009, data rebautizada con moito tino por integrantes da Gentalha do Pichel como o Dia Internacional do Parvo, pasará á memoria colectiva de todas as galegas como a xornada na que a dignidade popular respostou de xeito notable á mobilización polo exterminio convocada polo colectivo supremacista Galicia Bilingüe e apoiada politicamente polas organizacións que mellor representan os valores do españolismo, o PP, UPyD e a Falange. Foi un día no que a galegofobia concentrou forzas en Compostela servíndose do habitual percorrido das mobilizacións nacionalistas para reivindicar a eliminación dos xa por si exiguos dereitos que temos os galego-falantes nun contexto de total discriminación do noso idioma a todos os niveis, pretendendo retrotraer a lexislación á etapa franquista e mesmo indo máis aló.

A defensa da lingua é un dos riscos máis característicos do nacionalismo galego e así o ten demostrado ao longo da súa historia sendo quen de reaccionar ante unha grave situación que vimos sufrindo desde hai anos: un goberno abertamente hostil contra a lingua e unha parte da sociedade, minoritaria mais poderosa, moi belixerante e cunha vontade inequívoca de excluír o galego da vida social e recluilo de novo ao ámbito unicamente privado. Baixo este contexto e impulsadas desde varias organizacións xuvenís e colectivos sociais, leváronse a cabo diferentes accións de protesta amparadas no dereito á crítica e á liberdade de expresión para contestar o discurso de quen pretende anular os nosos dereitos e promove a discriminación lingüística que moitas galegas sufrimos todos os días.

E contra a dignidade popular erixiuse a represión xeralizada e o estado de sitio ao que someteron Compostela os centos de policias de choque despregados que, durante todo o día, sementaron o terror cargando indiscriminadamente contra manifestantes agredindo e lesionando a moitas delas, indentificando e retendo a múltiples cidadás polo simple feito de falar galego ou ter unha determinada estética e chegando a deter e manter durante toda a noite no calabozo a máis dunha ducia de persoas que foron tratadas de xeito despectivo e degradante en dependencias policiais.

O 8 de febreiro pois, centos de militantes independentistas, activistas do ridiculismo e defensoras do galego saimos a demostrar que a dignidade do pobo galego non se negocia e que a represión e a criminalización non nos poderán parar no camiño de defender e o noso idioma e denunciar a imposición lingüísitica. Cómpre lembrar que, a día de hoxe, aínda hai persoas que están á espera de xuízo con peticións de prisión que chegan, nalgún caso, até os 8 anos e]coas que non podemos senón reiterar a nosa solidariedade, como xa fixemos no pasado, e reclamar a súa libre absolución sen cargos.

Mais o grave dos feitos non é que os grupos galegófobos mostren tan abertamente a súa vontade de exterminio, que tamén, senón que aquelas medidas que Galicia Bilingüe reclamaba e que deixan de timoratas ás que levou a cabo a propia Xunta de Feijoo están aberta e directamente plasmadas na lei que o Goberno de España ten preparada para a educación e contra a que miles de estudantes sairon ás rúas da Galiza o pasado día 6, a LOMCE, que recolle case unha por unha e textualmente as súas reivindicacións: a redución drástica do galego no ensino chegando á propia erradicación na práctica da materia de Língua e Literatura Galega sendo optativa e non de obrigado estudo ou abrindo a posibilidade da subvención dos estudos en centros privados a aquelas familias que soliciten un ensino totalmente en castelán.

Por todo isto non debemos esquecer que só en galego, Galiza ten futuro e que está na nosa man contestar a quen intente quitarnos o dereito a vivir nela porque a forza do noso amor non pode ser inútil.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario