18-M: A manifestación rematou, a loita pola lingua continúa

As visións pesimistas sobre a sociedade galega contrastan con esporádicos movementos de mobilización social que demostran que as propostas políticas poderían ser ben máis audaciosas. Á marxe das posíbeis controversias sobre cifras, o certo é que milleiros de persoas- 25.000, segundo o cálculo tradicionalmente xeneroso da organización- reclamaron nas rúas de Compostela o “dereito a vivirmos en galego”, e que a manifestación promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística foi apoiada por centenas de colectivos -entre os cais se incluían o BNG ou a CIG- e tamén a Associaçom Galega da Língua elaborou o seu propio manifesto e fixo a súa propia chamada a participar na mobilización, após as infructuosas conversas que pretendían unha convocatoria máis plural nos organizadores e máis contundente no manifesto.

Tamén a militancia de Isca! participou activamente da mobilización, ben desde a presenza en comitivas de Galiza Nova como na integración nun bloco conxunto co Movemento pola Base (MpB), na que erguimos unha faixa que lembraba que o falso “bilingüismo” é a arma do españolismo, para reclamar o histórico obxetivo do nacionalismo, o monolingüismo social. Aínda, repartimos un Rebater no que advertíamos da necesidade de afirmar a existencia do conflicto, e recoñecer os diferentes actores e tácticas usadas por caras diferentes do españolismo, para así poder gañalo. Advertimos da necesidade de reaxir contra a falacia ideolóxica do bilingüismo harmónico -que deu como resultado a maior queda de falantes da historia- , e contra o discurso abertamente ultra en boga nos últimos tempos, mais tamén contra a política lingüística encabezada polo PSOE, que se basea tanto na inacción para gañar espazos como na afirmación dunha teórica igualdade de ambas linguas.

Desde antes da hora marcada a Alameda preludiaba unha boa participación, fundamentalmente das bases sociais do nacionalismo, con xente de diversas comarcas e xeracións, con notábel presenza de xente moza, a arremuiñarse no corredor central e nas zonas anexas, e centos de activistas a comezar a distribuir colantes, panfletos e publicacións que acababan nas mans e petos dos primeiros asistentes. A continuación, a mobilización percorreu parte da zona nova e casco vello de Compostela entre unha intensa chuvia con a participación con faixa de diversas comarcas do BNG, colectivos reintegracionistas -con algunha proposta colorista e crítica, como a de portar “toalhas de mesa”-, organizacións xuvenís e estudantis, e diversas asociacións de toda a xeografía nacional. Moitos pais levaron os seus nenos á manifestación -moitos deles portaban faixas- para simbolizar a necesidade de garantir unha vida en galego, e nomeadamente unha educación. Aínda que a marcha non salientou pola súa grande animación -superior nos sectores máis combativos e marcada por unha climatoloxía evidentemente adversa- escoitáronse con clareza palabras de orde como “Na Galiza en galego”, “Bilingüismo é colonialismo”, “Galicia Bilingüe fóra da Galiza”, e aínda outras clásicas como “Independencia” e “A solución, autodeterminación”. Tras o percorrido habitual, a manifestación rematou na Praza da Quintana, ateigada de manifestantes, onde se denunciaron casos concretos de discriminación lingüística, fundamentalmente no mundo do traballo; non obstante, notouse a ausencia de clareza na asignación de responsabilidades por parte da Xunta de Galiza, ausente á hora de garantir estes dereitos cando non cómplice cos agresores, e que despilfarra millóns de euros -en accións como regalar cartos a quen escrebe en español, e aínda en nome do galego- dun presunto departamento de normalización lingüistica continuísta dos de anteriores gobernos. Tampouco se sinalou o triste papel de certas administracións, como o Valedor do Pobo, que segue no seu cargo apesar de ter demostrado non ser apto para garantir dereito lingüístico ningún, senón promover a expulsión do galego de determinados ámbitos. Infelizmente, tampouco se sinalou o carácter de lingua internacional do galego dentro da lusofonía, un dos principios históricos do movimento normalizador.

De Isca! acreditamos que a mobilización non pode representar -como tantas veces acontece- un ponto final dunha campaña ritual neste ano, senón que debemos continuar un traballo de base nas comarcas, durante todos os días do ano, para comezar a construir desde xa esa Galiza monolingüe que arelamos.

Consulta aquí o Rebater que repartimos na manifestación do 17 de Maio

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario