Publicamos na rede un novo caderno de formación de Isca!, o Debater, cun texto preparado hai meses para o debate entre a nosa militancia. O que aquí se presenta é un traballo sumamente sintético e resumido de introdución a algúns conceptos de economía política marxista, polo que para un entendemento máis completo da mesma requiriríase facer lecturas complementarias.
Nada se falou aquí sobre a orixe do diñeiro como forma de equivalente xeral, non se tocou ningún tema referente a circulación do capital comprendida no II tomo de O Capital de Marx, nin se explicou tampouco as diversas partes nas que o capital se divide ademais do propio capital produtivo (capital que rende interese, capital comercial, etc. ) Foi tamén propósito deste escrito mostrar ao lector como se entrelaza a teoría coa práctica e o noso discurso político. Sen unha comprensión cabal do que é o valor, o plusvalor, ou do papel da competencia no capitalismo sería imposible comprender a teoría das crises que como se viu ten unha enorme importancia á hora de construír unha ou outra liña estratéxica.