[Día da visibilidade trans 2020 – 31M]

Hoxe, 31 de marzo, día da visibilidade trans, queremos falar da situación actual do colectivo trans na Galiza e no estado español.

As persoas trans son aquelas cuxa identidade de xénero é distinta á que lles foi asignada ao nacer. Pola contra, as persoas cis son aquelas cuxa identidade de xénero coincide coa que se lles foi asignada.
As persoas trans existen e merecen vivir nun mundo no que non sexan perseguidas, atacadas, discriminadas e asasinadas pola súa identidade.

A lei actual que regula a o cambio de xénero e nome no Estado Español (Lei 3/2007) é prexudicial para o colectivo trans, xa que patoloxiza as identidades das persoas trans ao requirir un diagnóstico médico e a acreditación dunha serie de tratamentos para conseguir o cambio do sexo nos documentos oficiais. Isto deixa a seguridade e benestar deste colectivo (tanto físicos como psicolóxicos) en mans de médicos.
Avogamos polo modelo de autodeterminación da identidade de xénero adoptado por Arxentina, Malta e Noruega e o noso veciño Portugal, convertendo a afirmación de xénero nun simple trámite burocrático en lugar dun longo e doloroso procedemento médico.

Na Galiza houbo un intento de aprobar unha Lei de Identidade de Xénero proposta polo BNG, En Marea e PSdG que recoñecía legalmente as identidades trans e outorgaba dereitos básicos, mais foi bloqueada polo PP no Parlamento Galego. No 2018 diferentes grupos LGBT+ dos pobos no Estado Español unidos na Plataforma Trans crearon a Lei Trans Estatal, que tería como obxectivo despatoloxizar a identidade trans e garantir os dereitos do colectivo, a cal está agora en mans do Congreso.

As identidades trans non son incompatíbeis co marxismo. Como di Sue Cadwel, profesora e membro do Socialist Workers Party do Reino Unido: “O marxismo non acepta que a bioloxía sexa o noso destino. O materialismo histórico pon énfase nas circunstancias históricas concretas nas cales se orixinou e desenvolveu a opresión da muller, e máis tarde das persoas trans. Permítenos mirar á interacción entre o biolóxico e o social. O obxectivo non é preguntarse por que as persoas trans existen senón o defender o seu dereito á súa identidade de xénero”.

É preciso visibilizar as persoas trans como identidades obrigadas a ser disidentes que son nun sistema cisheteronormativo e capitalista. O sistema actual nega ao colectivo trans o recoñecemento da súa existencia como cidadás e cidadáns de dereito pleno, e debemos incluÍr a súa liberación dentro das nosas loitas.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario