Encontro formativo feminista en Ourense

As mozas e mozos organizadas en Isca! acreditamos na transformación social e na construción dun mundo diferente, afastado da realidade gris á que nos condenan o capitalismo e o patriarcado. Queremos mudalo todo e sabemos que para iso é fundamental formármonos para identificar o inimigo e combatelo de forma eficaz, por iso aspiramos a facer da autoformación unha ferramenta tan constante como imparábel para a mocidade rebelde.

Desde Isca! acreditamos en que a acción feminista é imprescindíbel para conseguir os nosos obxectivos de transformación política e social e só aplicándoa de forma constante e transversal nas nosas loitas conseguiremos combater de forma eficaz o patriarcado e dinamitar toda opresión por razón de xénero. Por iso, centraremos a primeira parte destas xornadas abertas nos porqués da necesidade do feminismo e de organizarse. Ademais, consideramos fundamental avanzar da teoría á práctica e aplicar o que o feminismo nos ensina no noso traballo militante e nas nosas vidas persoais. Por iso, na segunda parte das xornadas centrarémonos no caso concreto dos micromachismos, afondando en que son, como identificalos e como erradicalos.

Este encontro celebrarase en Ourense o vindeiro sábado 25 de outubro a partir das 11:00h no local comarcal do BNG [Rúa da Concordia nº39, 5º] e está aberto e a quen quixer participar. Por cuestións organizativas, de saber con antelación se vas asistir precisamos que nolo comuniques no correo info@iscagz.org

>> Descarga o cartaz

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario