Un mes despois do paro xeral na educación en Galiza contra as políticas que teñen por obxectivo roubarnos unha parte das nosas vidas, o conxunto da comunidade educativa ten unha nova cita para dicir basta xa ás políticas educativas en beneficio do capital. Porque rexeitamos que algo tan fundamental para o futuro de toda sociedade se convirta en nicho de gaño das empresas, por iso defendemos un ensino integramente público ao servizo das clases populares, contrario aos postulados do capitalismo que entende este como un ben mercantil. Un ensino de calidade, básico para a formación de persoas críticas e libres. Integramente en galego, incardinado na nosa realidade e na nosa historia tan silenciada e negada, sen imposicións de linguas ou modelos alleos. Democrático, onde o estudantado teña dereitos e participación real, suxeito activo da vida diaria dos centros. Non patriarcal, onde se visibilice a muller na historia e na sociedade e se eduque na superación dos roles de xénero.
A nova reformulación dos graos non é algo novo. A suposta harmonización do ensino superior á que obrigou o Plano de Boloña viña, na teoría, a homoxeneizar as titulacións do estado español coas do resto dos sistemas universitarios europeos facendo que as carreiras pasasen de 5 a 4 anos, sendo en moitas obrigatorio cursar posgraos para completar o coñecemento. Isto leva ao encarecemento xeral do sistema xa que o prezo dun ano de posgrao pode chegar a ser máis do dobre que o dun ano de grao polo que isto, sumado ao descenso no número de bolsas, fai que só as persoas que teñen suficiente solvencia os poidan cursar. Coa nova fórmula pásase de ter 4 a 3 anos de grao e de 1 a 2 anos de potgrao, o que aínda aumenta máis o prezo e diminúe a cantidade de xente que accede a eles.
Mostramos todo o noso apoio á comunidade educativa contra este intento de privatización e sobrecusto que as grandes empresas queren promover e que traerá a expulsión do ensino universitario de amplas capas populares, con menos ingresos, e, portanto, a elitización do ensino superior. Animamos pois a todas as persoas a se somaren ás mobilizacións que convocan as organizacións estudantís e sindicais o martes 24 de marzo, ás 11h30 nestas cidades:
- A Coruña: Praza de Pontevedra.
- Ferrol: Praza España.
- Lugo: Edificio Sindicatos.
- Ourense: Xefatura Territorial de Educación.
- Pontevedra: Praza da Peregrina.
- Santiago de Compostela: Alameda.
- Vigo: Praza América.
.
>> Convocatoria de folga por parte das organizacións estudantís soberanistas.