Máis información:

“o dia que saibamos o que vale unha vaca, Galiza ficará redimida”
Castelao

O pasado 8 de febreiro Galicia Bilingüe manifestouse polas rúas de Compostela esixindo políticas que contribuísen ainda máis á desaparición do noso idioma propio. Foi unha marcha que, travestida baixo argumentos pseudodemocráticos, defendía o exterminio do galego, e que como tal foi criticada e respondida por diversos sectores sociais do noso país, comprometidos coa normalización da nosa lingua.

De Isca!, vimos clara a necesidade de non deixar transcorrer esa provocación sen que tivese unha resposta. Ao contrario do que teñen defendido algúns, a pasividade frente ao medre destes colectivos e a extensión do seu discurso supremacista non é o camiño a seguir. Porén, somos tamén concientes da necesidade do non contribuir -nin directa nin indirectamente- a alimentar o seu discurso vitimista, e facer ficar de novo os agresores como agredidos. É por iso que optamos por vías de denuncia pacíficas, retranqueiras e non criminalizábeis que puxesen en evidencia a hipocrisía do discurso de Galicia Biligüe e o PP.

Así, varios militantes de Isca! difrazados de vacas achegáronse a destacados líderes de GB con uns globos de texto coa mensaxe “el gallego es para hablar con las vacas”, deixando claro cal é o auténtico destino que esta xente reserva para o noso idioma.

A resposta foi, por previsíbel, non menos digna de ser denunciada: por un lado, confusión entre manifestantes e policías (detalle abondo ilustrativo), pois ainda houbo quen dubidou sobre o noso papel alí, xa que non todo o mundo tiña claro se eramos “bilingüistas” radicalizados ou estábamos a rirnos deles. Por outro, a máis clásica: intentos de agresión por parte de manifestantes españolistas e represión, o cal deu lugar a imaxes tan cómicas como a de policías antidisturbios armados até os dentes empuxando ou identificando unhas pacíficas vacas.
Logo da acción, tres militantes da nosa organización foron detidos sen motivo aparente, e pasaron mais de 24h nos calabouzos acusados, segundo soubemos despois, de “impedir o exercicio dun dereito fundamental” (!).

É por iso que pedimos a solidariedade coa nosa militancia imputada e por suposto co resto de procesados polos acontecementos dese día (que recentemente chegaron ao número total de 17), e chamamos á mocidade galega a seguir denunciando e facendo fronte á hipocrisía das plataformas polo o exterminio da nosa lingua (Galicia Bilingüe) e do seu novo “goberno amigo” (a Xunta do PP).

A solidariedade e a loita son mais necesarias que nunca!

Descargar en pdf