Máis información:

Nunca tan clara como agora estivo a relación entre o noso proxecto de liberación nacional e o dunha transformación social digna de tal nome. Sen capacidade de decidir, sen soberanía política, económica e cultural para que o noso pobo tome nas súas propias mans o seu destino, non poderemos tecer alternativas a unha realidade cada vez máis opresiva para a mocidade galega, condenada ao desemprego, precariedade, á emigración e a perder a súa propia identidade.

Entendemos a soberanía e a independencia como a vía de saída do capitalismo e o camiño para a construción dun sistema diferente, deixando atrás toda opresión e onde os dereitos sociais estean garantidos e non sexan mercadurias coas que unha minoria poda lucrarse. Ese futuro socialista que arelamos e no que temos todo por gañar hai que construílo desde xa, nas rúas, nos centros de traballo e de ensino multiplicando as rebeldías e sumando vontades para golpear cada vez máis e máis fortes. Sumar e multiplicar desde o movemento obreiro e estudantil, desde o asociacionismo cultural e deportivo, desde os locais sociais, desde o activismo feminista, desde o ecoloxismo, desde o movemento veciñal e desde todas as frontes que golpean a este sistema e que axudan a soñar e construir un poder alternativo.

Esa organización a todos os niveis é imprescindíbel e é un deber para a mocidade revolucionaria, tanto como dotarnos dun proxecto estratéxico a medio e longo prazo que dote de sentido ás loitas parciais do día a día. A República Galega é ese horizonte que nos permitirá avanzar e contruír unha sociedade alicerzada sobre novos valores: feministas, solidarios, democráticos e igualitarios.

É pois hora de erguérmonos e reforzarmos as alternativas que no plano social e político avanzan cara ese fin. Conscientes de que, máis aínda nun momento como este, a unidade de todas as que defendemos a ruptura con este réxime cruel e corrupto herdeiro directo do franquismo é fundamental. Alianzas amplas, plurais e en chave nacional, de todas as que desde a esquerda aspiramos a unha Galiza dona de si.

Para gañar un futuro digno é imprescindíbel deixar atrás a pasividade e dar paso á solidariedade, á organización e á loita consciente desde xa por botar abaixo este sistema, por sermos donas do noso porvir e por rematar con toda opresión. Viva Galiza ceibe e socialista!

>Descarga en pdf