Mais un ano volvemos saír á rúa para loitar polo evidente; un futuro digno na nosa ría. A factoría ENCE é unha das industrias máis contaminantes do país, imposta polo franquismo, e que leva décadas a intoxicar a ría de Pontevedra con práctica impunidade, agás unha insuficiente mais significativa condena por delito ambiental continuado.
O pasado 25 de xaneiro o goberno en funcións do PP decidiu prorrogar a concesión á papeleira ENCE. Posteriormente, o conxunto das forzas políticas do Congreso (agás PP e Ciudadanos) acordou instar ao goberno español a anular unha prórroga que se decidiu lonxe do noso país, nos órganos de poder de quen quer hipotecar o futuro da ría de Pontevedra a costa de enriquecer unha empresa privada que conta con destacados militantes do Partido Popular no seu Consello de Administración. Na actualidade, a unhas semanas dunha nova convocatoria de eleccións, é necesario reforzar a mobilización popular como ferramenta para rachar as aspiracións dunha minoría que só lle preocupa aumentar a súa marxe de beneficio.
Ningunha razón xustifica alongar os privilexios duns poucos e a merma da calidade de vida e a natureza. ENCE destrúe máis postos de traballo dos que crea, menos de 300, de feito só o 0,7% das persoas que traballan na cidade de Pontevedra o fan directamente nesta empresa. Esta factoría consume 12 millóns de metros cúbicos de agua ao ano, catro máis que o total de todos os concellos da ría de Pontevedra, e paga menos do 10% do que lle corresponde. Tamén están as consecuencias de curto e longo alcance (eucaliptización e destrución do noso monte, efectos nocivos, irritabilidade dos ollos, insuficiencias respiratorias ou o desbaratamento da agua) desta industria de enclave tan característica do colonialismo e a dependencia nacional.
A mocidade organizada en Isca! aposta polo fin do ciclo da factoría ENCE xa que mudar o seu emprazamento non é unha alternativa, pola contra continuará estragando e depredando o noso monte mentres os seus donos continuarán a enriquecerse a costa do beneficio común. Tamén defendemos a recolocación das traballadoras agredidas polas políticas do Partido Popular e aplicadas sistematicamente por unha empresa que se di hipocritamente defensora da nosa clase.
Futuro digno na nosa ría! Non á prórroga!