É xa o cuarto ano que a selección masculina de fútbol xoga un partido amistoso, e o segundo que o fai a feminina. Máis un ano, miles de compatriotas, especialmente mozas e mozos, xuntanse non só para animar ás seleccións do noso país, senón tamén para reivindicar os nosos dereitos deportivos: Galiza é unha nación e como tal debe participar en pe de igualdade nas competicións internacionais.
É o momento de presionar socialmente e esixir por parte das administracións pasos firmes cara á oficialidade das nosas seleccións nacionais. Non podemos conformarnos cos inofensivos partidos amigábeis de carácter anual que se lle permiten ás diferentes “comunidades autónomas”. Por iso, aínda sendo conscientes da dificultade de atopar un rival en tan pouco tempo logo da digna actitude das xogadoras bascas, o feito de competirmos no partido feminino contra unha parte dos Países Cataláns -Baleares-, rebáixanos ao nivel de rexión, cando o que están a demandar cada vez con máis forza os siareiros da Irmandiña é poder competir normalmente con outras nacións do mundo.
As recentemente proclamadas subcampionas do mundo de futbol de salón marcan o camiño, e demostran que é posíbel, con vontade real, poder avanzar cara a normalización da participación das nosas seleccións en competicións internacionais.
Porén, temos que ser conscientes de que, ainda que sexa preciso darmos pasos desde xa para acadar a normalidade deportiva, só coa consecución dos dereitos que como nación nos corresponden poderemos ter asegurada a nosa presenza a nível internacional, como selección e como nación. Un estado propio é a mellor garantía de que algún día podamos participar como calquer outra nación en todas as modalidades deportivas.
Por iso, as mozas e mozos nacionalistas temos que seguir a loitar por converter as datas dos partidos das nosas seleccións nas diferentes diciplinas non só en xornadas de reivindicación dos nosos dereitos deportivos, senón tamén dos nosos dereitos nacionais: queremos ser un pobo libre e relacionarnos co resto do mundo en pé de igualdade.
Frente á abafante propaganda da súa “roja”, somos muitos os galegos e galegas que non nos identificamos coa selección do Estado que nos nega. A cor vermella que nós defenderemos é a da estrela da nosa bandeira nacional, que aspiramos a ver ondear algún día no mais alto do podio nunhas olimpiadas ou nun mundial.