Unidade pola soberanía e o cambio social: fortalecer o nacionalismo popular!

O panorama actual do nacionalismo galego preséntase como o máis convulso dos últimos anos. Unha situación de confusión á que certamente contribuíron de xeito consciente boa parte dos seus protagonistas, utilizando os medios de comunicación do sistema como altofalante das súas mensaxes e prestándose a seren usados como argumento para desprestixiar o movemento nacionalista no seu conxunto e o BNG en particular. Unha estratexia medida e calculada que pretendeu mostrar unha desbandada no seo da fronte patriótica que non foi real, e na que todo aquel que pretendía atacar publicamente as súas siglas gozou de amplo espazo en xornais, televisión ou radio.

Para nós, ademais de outros motivos de tipo orgánico ou personalista que non imos obviar e dun ambiente interno moi degradado, houbo fundamentalmente razóns político-ideolóxicas de fondo que foron fundamentais nestes acontecementos: a tensión entre quen pretendían culminar o proceso de domesticación do nacionalismo galego comezado xa na década dos 90 e a de quen, coma nós, pretende facer do nacionalismo popular representado polo BNG unha ferramenta de confrontación co sistema dominante.

A militancia organizada en Isca! e no Movemento Galego ao Socialismo (MGS), participamos no proceso asemblear do BNG cunha postura crítica, como sempre o fixemos, defendendo que a fronte se situase novamente e sen complexos en parámetros nidiamente soberanistas e de esquerda, progresivamente diluídos desde anos atrás. Fixémolo, iso si, nas canles exclusivamente internas, sen gardarnos para nós unha soa proposta ou crítica mais sen darlle nunca munición ao inimigo. Pensamos que o noso papel na Asemblea Nacional do BNG foi positivo pois a nosa actuación serviu para axudar a resituar a organización en coordenadas ideolóxicas claramente definidas, o que axudou a que nestes meses o nacionalismo poda volver presentarse como alternativa críbel.

Desde a propia Asemblea Nacional, porén, o espectáculo continuou. Un calculado goteo de baixas e postas en escena públicas que deu lugar a extrañas alianzas, rupturas e descomposicións. Un proceso onde puidemos observar desde a reciclaxe de militancia rebotada do PP ou do PSOE, até a posta en cuestión do principio de autoorganización -defendendo pactos e mesmo confluencias orgánicas con sucursais de organizacións españolas-, pasando polo desnorte máis absoluto en cuestións elementais. Sorprende ver certos vicios criticados no BNG -moitas veces non se razón-, agora multiplicados fóra del, de xeito moito máis evidente.

Non seremos precisamente nós, que nacemos en 2006 como reacción interna á deriva que naquel momento sufría o BNG (tanto no político-ideolóxico como no organizativo), quen afirmemos que a fronte non ten carencias ou que toda a súa dexeneración de anos atrás foi superada. Non é así, mais pensamos que o proceso de recuperación do seu papel histórico está xa iniciado e que é un deber para a militancia revolucionaria o de aceleralo.

Pola nosa banda seguimos acreditando, hoxe máis que nunca, na vixencia da alternativa frontista que o BNG representa. Por responsabilidade e por coherencia, pensamos que é imprescindíbel para o noso pobo unha organización unitaria que, desde os irrenunciábeis mínimos do soberanismo e esquerda real, dea resposta política aos sectores máis conscientes da sociedade, que están a sair á rúa contra os ataques do capital. O BNG segue a ser, contodo e con moita diferenza, a principal organización do campo nacionalista, a reforzalo desde unhas coordenadas ideolóxicas coherentes é para nós unha prioridade.

Aliás, sabemos que as organizacións políticas de esquerda perden a credibilidade social máis fácil do que a gañan, e é por iso que o BNG ten unha dura tarefa se quere resituarse, como xa está a facer, como alternativa clara en defensa dos sectores oprimidos e por un horizonte dunha Galiza libre e sen explotación. A nosa contribución será a de axudar a recuperar esa credibilidade, fortalecer a unidade do nacionalismo popular e traballar por incorporar no seu seo os sectores máis activos da mocidade revolucionaria.

Facemos esta aposta con máis convencemento aínda desde a mudanza estratéxica aprobada na asemblea de Amio, que para nós marca un punto de inflexión -de partida e non de chegada-, no camiño de recuperar plenamente o papel dunha fronte patriótica plural, asemblearia, democrática e mobilizadora, que actúe socialmente e que defenda sen complexos a alternativa soberanista e de transformación social que é hoxe unha necesidade para o noso pobo, para avanzarmos no camiño dunha República Galega ao servizo das clases populares.

Publicado no Combater nº6

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario