Texto de Héitor Picallo Fuentes
Falar de Xohán Xesús González é falar de alguén cun afán de superación incríbel, cunhas ansias de aprendizaxe encomiábeis, cunha capacidade de traballo asombrosa e unha coherencia e valentía políticas propias dun creador. Isto demostrarao en tan só 16 anos de vida pública desenvolvida fundamentalmente en Compostela: xeografía que bebeu o sangue da súa morte e o letargo das súas ideas (hoxe renacidas nalgunhas organizacións políticas da Nación Galega!).
Nacera no lugar de Sebil (Cequeril-Cuntis) o 9 de novembro de 1895 nunha casa humilde, de labregos e anónimos artistas da pedra, nunha terra pola que se ouvía o segredo Verbo dos Arghinas.
Evidentemente traballou as leiras da familia durante a súa infancia e incluso colaborou nas tarefas do agropecuarias cando xa era unha persoa de prestixio na Compostela de preguerra. De mozo, comezou co oficio de canteiro, mais no solpor dos anos dez pasa pola Escola Normal de Compostela co propósito de se facer mestre, e como tal exercerá tan só uns anos, quizais porque escribir e loitar polos dereitos cidadáns e por unha Galiza Ceibe eran as súas maiores teimas e o seu claro horizonte vital. Verémolo deste xeito en destacados xornais daquel entón, incluso como correspondente de varios deles, por exemplo en El Pueblo Gallego (Vigo). A súa sinatura ficou en rotativos como El Compostelano, La Zarpa (Ourense), El Progreso (Pontevedra)… e así até un mínimo de 25, entre revistas e xornais nacionais, estatais e da Galiza exterior. Funda, asemade, dúas publicacións periódicas: El País Gallego (1927) e Amañecer (1933), porén participará na creación dunha terceira, titulada Trabajo, que era o voceiro do partido socialista de Santiago (do cal se arreda ao pouco de fundalo, en xullo de 1931, por mor das desavinzas ideolóxicas que mantiña con esa organización).
No eido da literatura é autor das seguintes pezas dramáticas: Carmiña (representada en 1922), Felisa (1924, edit. 2007),… Como vate, ten un único poemario titulado Agarimos (1921), no entanto destaca coa narrativa, sendo o primeiro novelista erótico galego no idioma nacional: Teresiña (1924, inédita), Ana María (1925), A Filla da Patrona (1926) e A modelo de Paco Asorey (1933). Rosario Doval e A Rayola son títulos que non publicaría por mor do Golpe Militar do 36. No apartado do ensaio sociopolítico saca do prelo outras catro obras: Hacia una morfología de la vida gallega (1925), O romanticismo de mañán (cara a 1930), En pé campesiños (1933) e Regionalismo Nacionalismo Separatismo (1933). Igualmente por causa do levantamento fascista non vería a luz o seu ensaio titulado Gelmírez.
Nos últimos instantes da ditadura de Primo de Rivera pasará pola facultade de Dereito, ao tempo que funda con Arturo Cuadrado a libraría-editorial Niké, pola que adoitaban discorrer membros da FUE (Federación Universitaria de Estudantes) de Santiago, posto que estaba especializada en temas políticos (de esquerdas, socialistas e marxistas) así como novelísticos, fundamentalmente. Traballará como avogado en Compostela e terá o seu despacho no 46 da Rúa Nova.
En eidos da loita política, alén da súa actividade sindical na UGT, milita no PSOE, e acada a presidencia daASS: Agrupación Socialista de Santiago, mais distánciase daquel por mor de discrepancias ideolóxicas, que subxugaban ao PSOE no centralismo e no rexeitamento do autonomismo galego. Aínda que en 1931 funda a ANC (Agrupación Nazonalista Compostelana), un ano antes xa propuxera a creación do PLG (Partido Laborista Galego). En 1932 crea a USG (Unión Socialista Galega), primeira agrupación da historia do noso país onde se conxuga o socialismo, o marxismo e o nacionalismo independentista.
Poderíanse achegar moitos parágrafos sobre dela, pero quizais é significativo aquel que, tirado na súa obra Regionalismo Nacionalismo Separatismo, di así: “Non me importan os votos, nin pretericións de ningún partido e se a Unión Socialista Galega non é unha agrupación política de moitos centos de afiliados, ten os suficientes para manter en pé esta idea nacionalista galega que eu defendo sen máis aspiracións que acadar, cos bos e cos xenerosos, unha independencia completa da nosa terra, porque nada nin ninguén nos pode obrigar a ficar unidos a un Estado que significa, para nós, unha ruína inminente e un perigo constante”.
Cando comeza o Bienio Negro, Xohán Xesús deixará en letargo esta agrupación até que os tempos novos fosen chegados, no entanto aparece de aí a pouco nos chanzos máis relevantes da IR (Izquierda Republicana) de Santiago. Antes do 36 funda -e dirixe- o seu último partido político, VIR (Vanguardia de Izquierda Republicana).
Moitísimas serían as cousas que poder dicir deste mestre do nacionalismo galego, mil outras máis da súa curta vida, que lle foi roubada polos fascista a noite do 12 de setembro de 1936, ao pé dos panteóns de Boisaca. Este honorábel mártir da patria, creador do Terzo de Calo, repousa hoxe en Cequeril baixo unha lápida anónima, e só un par de rúas o recordan na súa terra natal e en Compostela, cidade adoptiva pola que tanto traballou dende a cultura e o activismo político.
Sempre defendeu aos máis humildes, loitou polos dereitos dos campesiños, mariñeiros e canteiros, e enarborou a bandeira da defensa da muller, tal e como se reproduce nun artigo de 1922: “(…) para contemplarmos de preto toda a magnitude deste esforzo e deste sacrificio é necesario pasar días e días nestes eidos, fronte a estes agros e a estas veigas onde non é difícil ver mulleres entregadas en corpo e ánima a unhas tarefas propias de cabalerías e cando menos de homes fortes e hercúleos. Mulleres valorosas que ben poden levar o título de heroínas, de gloriosas, de valentes, de excelsas, pois só estes ditados, estas honras deberan rendérselle a quen é o nervio vital, o zume purificador e fortificante que terma ese baluarte, ese altar de holocaustos múltiples que se chama nación”.
Nestas datas xa se forxara nel a súa idea independentista e nacionalista, e así diría sen ningún pudor: “Seremos dende entón rexionalistas, nacionalistas ou arredistas tamén se fai falta; sentímonos con forzas e con vontade para facelo á hora que nos chamen, inda que non o andamos ouveando por aí adiante; pero estamos prontos para cando nos chamen. Enxergaremos moi outo, moi outo a bandeira Azul e Branca”.
No tocante á conxugación do Nacionalismo e o Internacionalismo achegaría nunha das súas páxinas, e baixo o pseudónimo de Meendiño, o que a continuación reproducimos: “En diversas ocasións aconteceunos, ao expresar ante algún socialista as nosas simpatías por este credo, que o ouvidor nos preguntase: ‘entón se vostede é socialista, como fai campaña en prol do nacionalismo galego?’ Para a maioría dos afiliados ao socialismo entre a súa doutrina e a nacionalista hai evidente antinomía que non acertan resolver. Suxestionados polo brillo falso da verba internacional, cren herético todo afán por exaltar a patria de cada un (…). [Porén] con superlativa satisfacción observamos como aumenta o círculo dos que cren, antes que opostas, complementarias as doutrinas socialistas e nacionalistas -nacionalistas en nación que exclúen todo imperialismo do seu programa”.
En razón coa galeguización da vida nas cidades afirmará: “Cidades galegas é cousa moi diferente a cidades que están na Galiza. As cidades galegas han ter unha personalidade galega, han pensar en galego, han progresar en galego e hanse manifestar en galego; e as cidade que están en Galiza até o de agora manifestáronse de forma antigaleguista. En Compostela, Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo, Ferrol e quizais A Coruña tamén, que son cidades que, polo feito de se chamar galegas, non existe un pensamento nin un sentimento galego, o que se di netamente galegos; logo a estas cidades non se lles pode chamar galegas. Unha cidade galega non ha de aspirar a ter unha personalidade madrileñista (…), unha cidade galega nunca debe estar á mercé do patrón estranxeiro porque entón estará condenada a vivir á marxe de todo canto ocorra no resto do mundo e polo tanto terá para ela insuperábel importancia todo o que veña de fóra, mentres o que se poida producir nela mesmo levará o fatídico selo da mesquindade e do inservíbel e invalorábel”.
Evidentemente rexeitaba a hermética idea dunha España uniforme, por iso afirma: “(…) crer nunha España tal cal a estruturaron os Reis Católicos e tal como é hoxe, é crer o absurdo, é querer vivir cinco séculos atrás ou, pola contra, querer pertencer a ese burocratismo excesivo e pernicioso, fatidicamente pernicioso, que asolou a todos os pobos ibéricos (…). Para ser mozo galeguista é necesario pensar en galego, manifestarse en galego e en galego tratar de engrandecer un sentimento que hoxe se impón a todo o que queira ser un amante da súa terra e da súa verdadeira patria, da súa verdadeira nación, que é Galiza”.
Perante isto, sentenza: “Os países que hoxe forman aínda docilmente a triste realidade da España unitaria senten a tiranía como imposta por unha potencia estranxeira cal é o Estado centralista español, que ten pisado e pisa a soberanía dos mesmos (…). Os nacionalistas que avivan o sentimento de independencia nos pobos tiranizados polo Estado centralista español non colgan bandeiras monárquicas nos balcóns das súas casas, non forman nos centros rexionais de dereitas, non preparan leas caciquís nos xulgados, concellos e deputacións provinciais”.