Nin diputacións nin provincias

De Isca! defendemos as posicións tradicionais do nacionalismo galego: opoñémonos á existencia das Deputacións provinciais, niños de caciques que mercadean favores cos concellos e acaparan e malgastan recursos públicos que poderían ser investidos en necesidades reais, e até a partición en “provincias” (do latín “pro” e “vicere”, “pola victoria”, isto é, os territorios conquistados) do noso país, contraria á nosa historia e á nosa configuración territorial, social e económica.

Como é coñecido, a división artificial de Galiza en sete provincias (tres delas mesmo fóra do recoñecido como territorio galego) foi o feito que espertou o movimento reivindicador que deu lugar ao nacimento do nacionalismo. Xa na época contemporánea, o nacionalismo galego sempre reclamou a sustitución das provincias españolas por comarcas galegas, e mesmo definir funcións para as parroquias, dun xeito semellante ao que acontece coas freguesías portuguesas.

Non compartimos o xiro asumido neste posicionamento histórico por parte do BNG pontevedrés, unha alternativa desesperada ideada para manter a alcaldía tras unha evolución electoral negativa. Até o de agora, a fronte defendera a colaboración entre Concellos –o que obviamente debe implicar ao municipio máis poboado da Galiza- e asegurara que o localismo, definido como unha forma de españolismo rancio, era un lastre para o futuro do país. A continua homologación do Bloque con PP e PSOE, tamén neste ámbito, deposita agora este peso no seo do nacionalismo, aínda que está por ver se o localismo ten a mesma eficacia electoral neste caso, ou se ten as penosas consecuencias, xa comprobadas, do conxunto da estratexia da moderación. Nese sentido, tanto a manifestación prevista para o 19 de xuño como o seu lema –“Pontevedra é capital”- son iniciativas desafortunadas que desfiguran a acción política do BNG.

Non obstante, tampouco compartimos as medidas adoptadas polo Partido Popular coa instauración dunha nova “delegación” da Xunta no sur, xa que non corresponde a un deseño territorial integral para Galiza senón á intención de dar un golpe de estado que favoreza os seus propios intereses electorais, neste caso na cidade de Vigo. Reclamamos unha ordenación territorial racional para o país, adaptada ás necesidades de Galiza e do seu pobo traballador e non ás prioridades partidistas inmediatas, actúe con eficiencia na xestión de recursos públicos, vacíe de competencias as provincias impostas pola Constitución Española, aposte polas cooperación entre Concellos, comarcas e áreas metropolitanas, revitalice un rural en declive, e substitúa un modelo de transporte desvertebrador e agresivo por un socialmente xusto e ecoloxicamente sustentábel.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario