Todos os días do ano, na rúa coa lingua

Máis un ano, cómpre reivindicar o día das letras como unha xornada de loita pola lingua, fuxindo dos actos ceremoniais e folclorizantes que nos impoñen desde institucións como a Xunta. Así, fronte á invisibilización do conflito lingüístico existenta na Galiza, cómpre berrar alto que mentres non consigamos a normalidade da nosa lingua, a mocidade revolucionaria non seremos cómplices de celebracións edulcoradas que camuflen o que está a acontecer. Para nós, o día das letras é unha xornada de loita na que exiximos un futuro para a nosa lingua e o cese inmediato do exterminio que están a exercer os diferentes axentes españolistas na nosa terra.

Somos conscientes de que a día de hoxe son tantas e tan diversas as agresións que o sistema dispón contra as clases populares, que pode parecer a da lingua unha batalla en suspenso. Porén, non debemos deixarnos enganar, o españolismo non descansa e a situación de crise económica e social que eles orquestraron e da que somos vítimas non deixa de estar acompañada dun constante ataque contra a nosa lingua. Así, continuas medidas regresivas como o borrador da nova lei de educación, a LOMCE, combinan a vontade mercantilizadora dos servizos sociais coa vontade de uniformar a lingua e a cultura das nacións sen estado sob o castelán e os valores do españolismo máis rancio.

Diante deste escenario, só nos queda a mobilización para confrontar a estratexia exterminadora do españolismo e recuperar os dereitos perdidos para axiña exixir os que nos permitan camiñar cara o horizonte estratéxico da hexemonía social da lingua galega. As nacionalistas pulamos pola lingua e a cultura galegas todos os días do ano, usándoa, reivindicando os seus dereitos e conquistando espazos de uso. Por iso, o vindeiro 17 de maio sairemos ás rúas de Compostela para facernos escoitar, apoiando a manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego que sairá ás 12:00 da Alameda de Compostela. Únete e berra con nós: na Galiza, en galego!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario