Xuizo a 3 militantes de Isca! por reclamaren un futuro digno

No marco da campaña que Isca! veu desenvolvendo nos últimos meses reclamando un futuro digno na nosa terra, xa informaramos que 3 compañeiros da nosa organización foran identificados e retidos por dúas patrullas da policía local na cidade da Coruña, incautándoselles material axitativo e sendo posteriormente denunciados. Á sanción administrativa de 600€ que o Concello impuxo pouco despois do suceso, súmaselle a citación recibida para a celebración dun xuízo de faltas polo mesmo concepto o vindeiro martes 18 de febreiro. Baixo o noso punto de vista, non só consideramos excesiva a multa económica imposta nun principio se non que tamén se conculca o principio non bis in idem que establece que un mesmo feito non se pode analizar ou xulgar dúas veces.

Máis alá do económico ou xudicial, a persecución que se vén realizando aos movementos de resposta social é evidente, levando o goberno municipal da cidade Herculina unha política de aumento da presión policial, sancións administrativas e publicidade en prensa das accións realizadas por ésta cando teñen a ver co activismo social. Neste contexto de crise global do capitalismo é máis importante que nunca visibilizar socialmente o conflito, a loita contra as medidas lesivas coas maiorías sociais que impón a Xunta e o goberno español e denunciar a pobreza, a precariedade e o desemprego ao que nos condenan.

Relacionado con isto, o mesmo día do xuizo martes 18 de febreiro a partir das 10:00 horas convocamos unha concentración simbólica solidaria diante dos xulgados da Coruña, para facer ver que non conseguirán frear o descontento nin a resposta social por medio das sancións nin a represión, e que se seguirá contestando, malia todo, nas aulas, nos centros de traballo e nas rúas reclamando un futuro digno e sen explotación.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario