Renuncíase a calquer xesto que poda ser entendido fora da “normalidade institucional”, do que se supón que ten que ser a actuación correcta dunha forza responsábel. O desexo da actual dirección do BNG de participar no “xogo político” deriva na lexitimación dun fascista como Fraga, no acatamento da bandeira española, en que non se denuncie o papel do exército ou das forzas de ocupación na Galiza ou non se cuestione unha instución tan reaccionaria e antidemocrática como a monarquía…
Nesta liña, prodúcense alianzas preferentes con outras organizacións xa plenamente instaladas nesas dinámicas, e de carácter xa non só claramente conservador, senón dubidosamente nacionalistas, como CiU, organización á que, xunto o PNV, se reducen case exclusivamente as relacións internacionais do BNG na actualidade. O obxectivo do sobredimensionamento que se lle dá a estas relacións é claro: equiparar de cara á opinión pública ao BNG a estas outras formacións centradas, responsábeis e moderadas.
Abandónase voluntariamente á criación de consciencia nacional desde abaixo, e usando o como argumento esa mesma falla de consciencia no país, prodúcese unha clandestinización da ideoloxía, que fica limitada ao ámbito interno como autoxustificación continua ante a militancia. Entramos entón nun círculo vicioso: non se poden dicer determinadas cousas porque a sociedade non está preparada mais simultaneamente renunciamos a sermos nós quen a prepare, facendo pedagoxía nacionalista sen ocultar os nosos obxectivos. Como consecuencia disto, a mensaxe acaba por diluirse na mercadotecnia, dándolle máis importancia á forma que ao proprio contido, que acaba por ser camuflado ou deturpado en beneficio das estratexias publicitarias.
Esta renuncia veu parella á asunción do eleitoral e institucional como eixo de traballo prioritario e case exclusivo. A actividade política do BNG planifícase só en base ás citas eleitorais de maneira que a organización parece estar nunha eterna precampaña en que se enmarcan mesmo datas como o Día da Patria. Isto podería ter certa xustificación se o ascenso (cando tal existiu) eleitoral fose parello a un aumento de consciencia nacional, mais parece evidente que non foi así. Medramos (no seu momento) en votantes mais non en nacionalistas. Eis o fracaso histórico do BNG.
Non se limita, senón que mesmo se fomenta o personalismo (extremo no caso do portavoz nacional) e téndese a un modelo en que o arribismo é un hábito ao que non se lle pon límites e os políticos profesionais son o modelo en alza, dando como resultado a acomodación de boa parte dos cargos nos seus postos, o que condiciona ao cabo súa acción política.
O frentismo deixou de ser unha confluencia de diversos sectores sociais obxectivamente interesados na liberación nacional para ser unha confrontación de lobbies de presión moitas veces máis enfrontados polo poder interno que por intereses ideolóxicos. Deste xeito, o espazo revolucionario dunha organización socialista que defenda as clases traballadoras no camiño da superación do capitalismo está agora baleiro. É ese espazo, que traballe por unha reconstrución da frente desde parámetros antisistémicos, o que nos corresponde ocupar.
No terreo organizativo é tamén palpábel a progresiva equiparación coas forzas do sistema. Por unha banda liquídase de facto o asemblearismo, por outra poténciase un modelo de militante (máis ben de “filiado”) totalmente distanciado do axir diario da organización, acrítico e pasivo, que só ten contacto co colectivo en procesos eleitorais e en determinadas asembleas conflitivas. No entanto, nas asembleas o debate político queda relegado a un papel marxinal, cando non se substitúe pola simple información das decisións tomadas en instancias superiores.
As decisión tómanse de arriba a abaixo, e reléganse as asembleas, ou mesmo o proprio Consello Nacional a un papel de ratificación de acordos xa tomados, polo xeral sen nengún debate previo. Desta maneira é a Executiva a que marca o rumo da organización (excedendo as funcións que o seu propio nome indica), e non o Consello Nacional e moito menos as Asembleas, cuxos escasos debates serven máis para desafogo da militancia que para recoller propostas e críticas e trasladalas aos organismos superiores.
Instálase finalmente unha sorte de pensamento único dentro da organización, na que determinadas críticas desde a esquerda son deslexitimadas xa de partida cos adxetivos de ideoloxistas ou esquerdistas.
Estatuto de autonomía
O BNG, a raiz dos debates abertos noutros pobos (Cataluña e País Basco) situouse no seu momento como principal impulsor dun novo marco de decisión para Galiza. O discurso arredor desta proposta inicial foi evoluindo e mudou bastante desde os comezos da súa xestación até o momento actual, en que ficou reducida a unha simples reforma do actual Estatuto, vía que o nacionalismo até o momento desprezara. Deste xeito, o obxectivo defendido no seu momento por algúns líderes no BNG (sobre todo internamente) de un novo status que recoñecese a Galiza como nación e por tanto o seu direito á autodeterminación, acabou por ser unha fraude que levou á organización política do nacionalismo a lexitimar un modelo que até o momento fora frontalmente rexeitado: a dos estatutos de autonomía como medio en que o Estado Español permite aos pobos xestionar parcialmente a súa dependencia, mais sen cuestionala. A asunción desta vía podía terse presentado como un primeiro paso, mais tamén se renunciou a isto pois en nengún momento se escoitou publicamente a líder nengún do BNG ligar este primeiro paso con os que supostamente virán despois.
Deste xeito, xeráronse unhas expectativas que a todas luces non podían ser cumpridas, e priorizando un debate que xa á partida oferecía poucas esperanzas. Renunciábase de partida ao recoñecemento explícito do dereito de autodeterminación na propria proposta nacionalista. Falouse de Estatuto de Nación ao tempo que se pactaba co PSOE un acordo que reducía o recoñecemento nacional a unha parábola similar ou inferior á proposta catalá. O apoio parlamentario dos deputados do BNG ao Estatuto catalán pactado por Mas e Zapatero sinalaba ás claras cal era o teito que o BNG asumía para o noso proprio texto.
O proceso de reforma estatutaria (se o PP modifica a súa postura de total intrasixencia e acepta unirse a un consenso arredor dun texto ainda máis rebaixado) traerá como consecuencias para o noso pobo por unha parte a lexitimación total (da que agora carecía) do actual sistema autonómico, e por outra, a prolongación do actual estatus de dependencia durante varias décadas máis. Segue na páxina 3.