Até comezos do século XX, Rusia viviu dominada por unha dinastía tsarista que levaba no poder desde o século XVII, os Romanov, unha monarquía absoluta e teocrática que se apoiaba en 4 piares: a nobreza, o clero, o exército e a burocracia. O poder supremo estaba nas mans do tsar, á súa vez patriarca da Igrexa ortodoxa, que gobernaba dun xeito autocrático sobre todos os pobos que dominaba o seu imperio. Durante este período os dereitos e liberdades políticas eran inexistentes, e a policía política, omnipresente, reprimía a calquera persoa ou grupo que non seguise os designios do tsar, con deportacións a Siberia e execucións das persoas disidentes.
Malia ser historicamente unha potencia semellante ós países europeos, coa industrialización comezaron a acrecentarse as diferenzas, de xeito que, até practicamente o século XX, o Imperio Ruso mantívose nun réxime feudal de explotación. O campesiñado vivía en condicións de semi-escravitude, atado ó traballo nas terras das clases privilexiadas. Esta situación agravábase especialmente nas terras da nobreza, onde as campesiñas debían facer constantes pagamentos en diñeiro, especies e servizos ós seus donos; unha posesión que duraba até a morte das servas. A estas condicións materiais de escravitude engádese o feito de que a poboación estaba sumida na ignorancia, froito dunha educación practicamente inexistente. Deste xeito, eran facilmente dirixibles polos líderes relixiosos e políticos, que xustificaban as condicións miserables nas que vivía a gran maioría da poboación baixo unha suposta lexitimidade divina, legal e de tradición.
Descarga e difunde!
Ver tamén:
- Caderno formativo, a historia da Revolución Rusa (s.XVII – 1917).
- Os dereitos sociais na URSS (I): a sanidade.
- Os dereitos sociais na URSS (II): o ensino.
- Os dereitos sociais na URSS (III): os dereitos das mulleres.
- Os dereitos sociais na URSS (IV): os dereitos da clase traballadora.
- Os dereitos sociais na URSS (V): a cultura popular.
- Os dereitos sociais na URSS (VI): a economía.