Paremos a LOMCE. 9 de maio, folga no ensino!

Desde Isca! chamamos á mobilización no vindeiro xoves 9 de maio, xornada na que está convocada unha folga no ensino pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. Con esta convocatoria dáse continuidade a unha serie de actos e mobilizacións nos centros de ensino do país, como peches, palestras ou debates rotatorios que buscaron poñer a LOMCE no punto de mira da comunidade educativa en concreto e da sociedade en xeral, socializando a gran regresión que suporía a súa aprobación.

As mocidade independentista e comunista defendemos un modelo de ensino público, de calidade, integramente en galego e baseado na realidade do noso país, sen modelos nin linguas importadas; un ensino no que o estudantado teña dereitos e participación real e no que se invistan recursos para a súa mellora. Sabemos que o ensino é básico para a formación de persoas críticas e libres, clave para que as clases populares poidamos avanzar na nosa loita pola igualdade de oportunidades e dereitos, por iso é unha ferramenta tan perigosa para o poder e por iso hai quen busca desmantelalo e poñelo ao seu servizo. Isto é o que pretenden impoñendo a LOMCE, unha lei reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática, patriarcal e confesional.

Como xa temos analizado, sobran os motivos e diante deste novo ataque só nos resta denunciar a situación e mobilizarnos até revertela. Por iso, abranguemos o traballo de axitación social para esta convocatoria dentro da campaña xeral por un futuro digno na nosa terra, porque o ensino é un dos piares básicos de calquera sociedade e non podemos permitir que continúen coa estratexia de privatización e mercantilización do ensino nin que o convertan nunha ferramenta máis de dominación ideolóxica para as coordenadas da dereita máis españolista e católica. Para unha Galiza con futuro é fundamental un sistema educativo de noso e cos principios que defendemos desde o nacionalismo e a esquerda transformadora, por iso, este 9 de maio, toda a mocidade rebelde debemos saír á rúa canda as organizacións estudantís e sumarnos na súa loita: Paremos a LOMCE! Por un ensino en galego, público e de calidade!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario